Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xurxo
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Xurxo:
Etimoloxía e historia
Do grego Geṓrgios, derivado de geōrgós 'labrego, agricultor', a través do latín tardío Georgius. Na forma galega, documentada xa desde a Idade Media, houbo inflexión por influencia da semiconsoante seguinte, que provocou a transformación en u da primeira vogal. Deste nome proceden o topónimo Xurxo e e os haxiotopónimos Sanxurxo, Santiorxo, Santiurxo e Santurxo.
Motivación
San Xurxo é un personaxe envolto nunha lenda xa rexeitada nun concilio do século V. Segundo ela, sería un soldado romano da Capadocia martirizado na persecución de Diocleciano (303-304). O seu culto pasou rapidamente de Oriente a Occidente, acrecentado por un relato fantástico no cal o santo guerreiro, montado nun cabalo, mata cunha lanza un dragón que tiña atemorizado todo un país porque devoraba animais e persoas. Xa na antigüidade, para os cristiáns o dragón significaba o paganismo. Tamén foi utilizado polos cruzados na súa loita contra os musulmáns de Palestina, como Santiago nos reinos cristiáns peninsulares. Na batalla de Aljubarrota (1385) os guerreiros portugueses aseguraban que se lles aparecera o santo e que os axudara a vencer o exército invasor do rei de Castela. Na Idade Media fíxose moi popular en boa parte de Europa: patrón da orde Teutónica, de Xénova, de Barcelona, de Cataluña e de Aragón. A partir do século IX substitúe a san Duarte como patrón de Inglaterra. Foi nome de seis reis británicos, pero entrou serodiamente, no século XVIII e por medio dunha dinastía alemá: a da Casa de Hannover.
A cruz de san Xurxo (vermella sobre fondo branco) figura nas bandeiras de Inglaterra —integrada posteriormente na da Gran Bretaña xunto coa de santo Andrés de Escocia e a de san Patricio de Irlanda—, de Xeorxia e tamén nos escudos de Aragón, Sardeña e de cidades como Barcelona, Londres, Montreal, Milán, Xénova, Coblenza e Friburgo.
Chamáronse así
Pintores como os italianos Giorgio Barbarelli ‘Giorgione’ (1477-1510) e Giorgio de Chirico (1888-1978) e o francés Georges Braque (1882-1963); filósofos como o irlandés George Berkeley (1685-1753) ou o alemán Georg Hegel (1770-1831); compositores como o alemán Georg Händel (1685-1759) ou o ruso Igor Stravinski (1882-1971); escritores como o castelán Jorge Manrique (c. 1440-1479) e o brasileiro Jorge Amado (1912-2001); políticos como o primeiro presidente estadounidense George Washington, de 1789 a 1797; e cantautores como o francés Georges Brassens (1921-1981).
En Galicia lembramos o historiador ourensán Xurxo Lorenzo Fernández (1910-1934), quen, a pesar da súa prematura morte, xa publicara traballos de arte, historia, arqueoloxía e etnografía.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Georg | |
Catalán | Jordi | |
Español | Jorge | |
Éuscaro | Jurgi | |
Gorka | ||
Francés | Georges | |
Holandés | Joris | |
Goerg | ||
Húngaro | György | |
Inglés | George | |
Italiano | Giorgio | |
Polaco | Jerzy | |
Portugués | Jorge | |
Romanés | Gheorghe | |
Ruso | Juri | |
Igor | ||
Georgii | ||
Sueco | Göran |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Xurxo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]