Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xián, Xiana
Nome cristián
Pronuncia
Xián:
Xiana:
Variantes
Etimoloxía e historia
Motivación
Hai varios santos co nome de Xián. O máis coñecido é, posiblemente, o lendario san Xián o Hospitaleiro, ou o Parricida, pois é a versión cristiá do mito grego de Edipo. Afeccionado á caza, un día matou un cervo que, antes de morrer, ao parecer lle profetizou que mataría os seus pais. Así o acabaría facendo sen querer por unha confusión fatal: un día ausentouse e mentres estivo fóra da casa chegaron os seus pais na súa procura, pois estaban tristes de telo tan lonxe. A súa muller, Adela, invitounos a descansar na súa cama. Cando Xián volveu ao fogar e viu unha parella ocupando o leito matrimonial pensou que era a súa muller con outro home e matounos. Ao regresar Adela, decátase do seu erro e decide facer penitencia poñéndose ao servizo dos peregrinos. É patrón dos hospitaleiros e dos cazadores.
Outro foi san Xián de Antioquía (séculos III-IV), que casou con santa Basilisa, pero ambos decidiron vivir en castidade e non consumaron o matrimonio; el fundou un mosteiro de monxes e ela outro de monxas.
Houbo outro san Xián de Brivate, no Delfinado francés, que morreu mártir e quen recolleu o seu cadáver, Ferreol, tamén morrería martirizado, de xeito que o bispo de Vienne, Mamerto, acabou enterrando a cabeza de Xián cos restos de Ferreol. San Gregorio de Tours conta que a primeira igrexa de san Xián a construíra unha muller hispana que ía camiño de Tréveris, onde o seu home estaba condenado a morte. Sería unha galaica? Entre os priscilianistas executados en Treveris había un chamado Xián.
En Galicia Xián é un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Cal é dos tres o santo que recibe culto nas igrexas galegas? É difícil sabelo: os testemuños máis antigos fan referencia ao mártir galo Iulianus, cuxo culto, xunto co de Ferreolus, compañeiro de martirio, comezou a difundirse na Península Ibérica xa a finais da época romana. Baixo o mesmo nome confluíron outros santos e cultos; desde a Baixa Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado aos camiños e aos camiñantes, o que explica boa parte da súa ampla presenza na toponimia.
A cidade de Ferrol ten como patrón a san Xián, cun grandioso templo —case unha catedral— de estilo neoclásico. En documentos de 1087 escribíase en latín sancto Iuliano de Ferrol, e barállase a posibilidade de que antes houbese un culto aos dous santos mártires de Brivate, san Xián e san Ferreol.
Outro lugar importante para a historia de Galicia onde o santo recibe culto desde tempos remotos é o mosteiro de San Xián de Moraime (Muxía), cuxa fundación se relaciona coa poderosa familia dos Traba. Os monxes de Moraime foron os encargados da educación do infante Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII o Emperador (século XII).
Santa Xiana de Nicomedia (séculos III-IV) foi unha mártir desta cidade de Asia Menor, venerada no mundo oriental e no occidental. É patroa de Verona.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Juliane | |
Julian | Juliana | |
Catalán | Julià | Juliana |
Español | Julián | Juliana |
Éuscaro | Julian | Juliana |
Julen | Julene | |
Francés | Julien | Julienne |
Inglés | Julian | Juliana |
Italiano | Giuliano | Giuliana |
Portugués | Julião | Juliana |
Romanés | Iulian | Iuliana |
Ruso | Iulian | Iuliana |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]