A lingua

O galego na historia

O galego é a lingua románica propia da nacionalidade histórica de Galicia, onde é usada de xeito habitual por máis de dous millóns de persoas. Tamén é a lingua autóctona das zonas de Asturias, León e Zamora limítrofes con Galicia e dun pequeno territorio no noroeste Cáceres; zonas que, en conxunto, supoñen uns 75.000 falantes máis.

O galego é a evolución do latín falado no noroeste da Península Ibérica, onde entrou en contacto con outras linguas prerromanas. Este territorio conquistado por Roma constituíu unha das provincias romanas, a Gallaecia. En 417 fundouse na Gallaecia o primeiro reino europeo posterior á caída do imperio romano, o reino suevo, que durou ata o 586. O protorromance galego recibiu achegas dos pobos xermánicos e dos árabes. O galego como lingua romance de seu estaba constituída xa antes do século X, pero ata finais do século XII e comezos do XIII non apareceu a escrita en galego, que floreceu nestes século na prosa coma, pero, sobre todo, na poesía: os Cancioneiros galegos constitúen un dos repertorios poéticos medievais máis importantes do mundo.

No século XII, a parte sur do Reino de Galicia independizouse e deu lugar ao Reino de Portugal, mentres Galicia foi anexionada polo reino de Castela. A incomunicación entre o sur e o norte provocou que as variedades lingüísticas dun e outro territorio se fosen diferenciando, dando lugar a linguas diferentes: o portugués no sur e o galego no norte.

No século XIX tivo lugar o Rexurdimento galego. Historiadores e literatos tomaron conciencia de galeguidade e trataron de espallala. A comezos do século XX fundouse a Real Academia Galega e en torno a ela xurdiron movementos lingüísticos, culturais e políticos que promoveron e trasladaron socialmente esta conciencia.

En 1936 aprobouse o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Ese mesmo ano, o golpe de Estado do xeneral Franco provocou unha guerra civil que instaurou unha ditaura que durou 40 anos e desencadeou unha longa represión política e cultural. Neste período (1936-1976), producíronse varios feitos que xogaron en contra do galego: extensión da escolarización obrigatoria (en castelán); popularización dos medios de comunicación de masas (en castelán); adhesión da Igrexa Católica ao goberno da ditadura, coa exclusión total do galego nas prácticas relixiosas; migracións masivas do rural (galegofalante) ás zonas urbanas (desgaleguizadoras por desprestixio do galego); exclusión e prohibición do galego no mundo xudicial e administrativo, etc.

Anos despois de rematada a ditadura, en 1981, aprobouse un novo Estatuto de Autonomía de Galicia e, en 1983, a Lei de normalización lingüística de Galicia, esteos sobre o s que se baseou o proceso de recuperación e normalización da lingua galega. En 1985 inauguraron as súas emisións a TVG e a RadioGalega, televisión e radio públicas integramente en galego. O galego comezou un lento proceso de rehabilitación social que conduciu a unha conquista de amplos dereitos lingüísticos e de certos espazos simbólicos dos que tradicionalmente estaba ausente, pero que non logrou incrementar a súa presenza como lingua habitual da sociedade, onde se observa unha progresiva perda de falantes.

Así e todo, o galego segue a ser hoxe a lingua habitual da maioría dos habitantes de Galicia e das comarcas veciñas onde é lingua autóctona.