60 aniversario da celebración do Día das Letras Galegas
Víctor F. Freixanes
Presidente da Real Academia Galega
O 20 do mes de marzal do ano 1963, tal como indica o documento que inaugura esta galería, os académicos Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego propoñen no plenario da Real Academia Galega a celebración dun día grande dedicado ao libro e á lingua galega, unha xornada festiva e reivindicativa a prol da cultura e a identidade de Galicia centrada sobre todo no prestixio do idioma. O libro era entón o principal símbolo dese prestixio. A data escollida, o 17 de maio, tiña unha significación especial: facíanse daquela cen anos da primeira edición de Cantares Gallegos, título fundacional do noso Rexurdimento.
A academia asumiu, por unanimidade, a iniciativa. A celebración do primeiro ano consistiu basicamente nunha conferencia de Ricardo Carballo Calero no salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, e mais no recitado de catro poetas mozos: Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño. Tamén houbo actividades en Lugo (Mostra do Libro Galego), Vigo, A Coruña e algunhas outras localidades.
![](/documents/35271/938416/00_banner.png/a817552b-d6b7-33fe-3fb8-3f7b0f773858)
Mais o gran pulo da celebración veu da man do asociacionismo cultural, que daquela empezaba a agromar en toda Galicia, apoiado principalmente na xente nova. A asociación O Galo sacou en Santiago de Compostela os libros galegos á rúa, e axiña outras asociacións seguiron o seu exemplo.
Hoxe podemos dicir que o que empezou sendo un acto académico de relevancia cualitativa se transformou nun acontecemento social que reborda amplamente as expectativas dos primeiros animadores. Entidades comerciais, agrupacións empresariais, medios de comunicación, sindicatos, editoriais, clubs deportivos, centros de ensino de distintos niveis, universidades, grupos políticos etc., ademais das institucións de goberno (Parlamento, Xunta de Galicia, deputacións, concellos), dun xeito ou doutro, participan na celebración por riba de diferenzas ideolóxicas e outros intereses, unha celebración que xa non é un día, senón que atinxe os doce meses do ano.
A galería que ofrecemos quere ser unha mostra cronolóxica do que consideramos o grande acontecemento cultural de Galicia, iniciativa feliz que a Real Academia Galega activa cada ano con distintas propostas, mais que se sostén e medra (tamén fóra das nosas fronteiras administrativas) grazas ao alento da sociedade civil, a ilusión dun país que se recoñece cada vez con máis pulo nos valores da súa identidade e o seu idioma.
![](/documents/35271/938416/02_1963.png/3fc4dbdc-3913-aa2e-c5db-bb8d8fc1cb07?t=1683018099046)
1963 Rosalía de Castro. Visita a Gala Murguía de Castro na súa casa da rúa de Santo Agostiño na Coruña. De esquerda a dereita, Vales Villamarín, Juan Naya, Joaquín Freyre de Andrade, Julio Rodríguez Yordi, Henrique Chao Espina, Marino Donega e Antonio Meijide Pardo. Sentados: Leandro Carré, Sebastián Martínez-Risco, Gala Murguía, Francisco Serrano Castilla
![](/documents/35271/938416/03_1963.png/13fc0370-f4ee-12f8-3462-27648cbe4b93?t=1683018099086)
1963 Rosalía de Castro. Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres, na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no salón Fonseca da Universidade de Santiago. Os catro poetas participaron no recital posterior á conferencia de Ricardo Carballo Calero sobre Rosalía de Castro
![](/documents/35271/938416/08_1964.png/db1635ab-6611-00ff-3e54-de6b10f4b675?t=1683018099270)
1964 Afonso D. Rodríguez Castelao. Recorte d’A Nosa Terra (n.º 507) no que se dá conta da convocatoria dun concurso literario en lingua galega, o Premio Castelao, organizado por subscrición popular polo estudantado da Universidade de Santiago, e doutras celebracións organizadas ao remol do Día das Letras Galegas
![](/documents/35271/938416/10_1965.png/b5842bd2-fa5b-c2f1-3715-98f6be87dba1?t=1683018099363)
1965 Eduardo Pondal. Francisco Fernández del Riego durante a súa alocución na sesión plenaria da RAG, celebrada nos locais da Reunión Recreativa de Artesáns da Coruña. Sentados, de esquerda a dereita: Henrique Harguindey Banet, presidente da Agrupación Cultural O Facho, Leandro Carré, Sebastián Martínez-Risco e Francisco Vales Villamarín
![](/documents/35271/938416/12_1966.png/202a1113-d2e5-16b0-f4af-ab74ff637db7?t=1683018099450)
1966 Francisco Añón. Inauguración do monumento en memoria de Francisco Añón, en Outes, o 17 de maio de 1966. Entre os asistentes, na primeira fila, Leandro Carré, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Serrano Castilla, Sebastián Martínez-Risco, Puerta Henche (alcalde de Outes), Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Enrique Chao Espina. Detrás, entre outros, Antonio Meijide Pardo, Juan Naya, Julio Rodríguez Yordi e José Luís Bugallal
![](/documents/35271/938416/28_1974.png/a7b90eff-8dd6-839e-d95f-418d3214c9ef?t=1683025851508)
1974 Xoán Vicente Viqueira. Ofrenda floral ante a tumba de Xoán Vicente Viqueira, en San Xoán de Ouces (Bergondo). De esquerda a dereita, entre outros, José Luís Bugallal, Francisco Vales Villamarín, Isidro Parga Pondal, Sebastián Martínez-Risco, Leandro Carré, Antonio Meijide Pardo, Enrique Chao Espina, Juan Naya, Rafael Dieste e Marino Dónega
![](/documents/35271/938416/29_1974.png/9687f83c-6857-c152-1b24-3a376c5f322a?t=1683025851551)
1974 Xoán Vicente Viqueira. Sesión Plenaria extraordinaria da Real Academia Galega celebrada no paraninfo do Instituto Eusebio da Garda, da Coruña. De esquerda a dereita, Ramón Piñeiro, Enrique Chao Espina, Rafael Dieste, Domingo García-Sabell, Leandro Carré, Sebastián Martínez-Risco (de pé, abre a sesión), Francisco Vales Villamarín, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Marino Dónega e José Luís Bugallal
![](/documents/35271/938416/32_1976.png/013f7f37-9ed4-6fab-414b-46deaaeae28f?t=1683025851679)
1976 Ramón Cabanillas. Sesión académica extraordinaria da RAG celebrada no salón nobre da Sociedade Cultural de Cambados. De esquerda a dereita, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, o alcalde de Cambados (Benito González Ambrós?) e Francisco Vales Villamarín. De pé, Xulio F. Ogando le a súa alocución. Á dereita del, Ramón Martínez López
![](/documents/35271/938416/77_1998.png/0fb73b99-9fbe-7ddb-5043-66b12e5d2997?t=1683185478789)
1998 Trobadores da ría de Vigo. Recorte de prensa que recolle a noticia da celebración do plenario extraordinario da RAG na illa de San Simón. Na imaxe Xabier Rodríguez Barro recita as once cantigas dos tres trobadores, acompañado dun zanfonista. No fondo á esquerda, o monumento aos trobadores, de Ferreiro Badía, inaugurado na mesma xornada
![](/documents/35271/938416/79_1999.png/91ef8ae5-0e4f-5958-9b40-f7633f684211?t=1683185478832)
1999 Roberto Blanco Torres. Fotografía en prensa do plenario extraordinario da Real Academia Galega. Na imaxe, Xosé Ramón Barreiro, Francisco Fernández del Riego, Luz Pozo Garza, Antonio Gil Merino, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño aplauden a intervención de Manuel Vázquez, Manoele, que recitou versos acompañado dun músico de arpa
![](/documents/35271/938416/80_2000.png/d6b88e36-2c11-1d41-7a7f-de8ef924caff?t=1683107422708)
2000 Manuel Murguía. Intervención de Antón Santamarina no plenario extraordinario da Real Academia Galega celebrado no paraninfo da Universidade da Coruña. Na mesa presidencial, Xosé Ramón Barreiro, Luz Pozo, o presidente da Academia, Francisco Fernández del Riego, o presidente da Xunta de Galicia e Constantino García
![](/documents/35271/938416/83_2001.png/61eab0f8-5951-812c-c585-89ba45891cee?t=1683107422835)
2001 Eladio Rodríguez González. Recorte de prensa. Fotografía da alocución de Xesús Alonso Montero durante a sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega celebrada no mosteiro de san Clodio. Detrás, na mesa presidencial, Xosé Ramón Barreiro, Xesús Pérez Varela, Francisco Fernández del Riego, Constantino García e Antonio Gil Merino
![](/documents/35271/938416/92_2006.png/612312c5-4160-8202-f286-3c99e0232c78?t=1683107423222)
2006 Manuel Lugrís Freire. Intervención de Xosé Neira Vilas na sesión extraordinaria da Real Academia Galega no auditorio do Museo Carlos Maside, O Castro de Samoedo (Sada). Sentados (diante): Francisco Fernández Rei, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo Vázquez, Francisco Díaz-Fierros. Detrás: Antonio Gil Merino, Antón Santamarina e Euloxio R. Ruibal
![](/documents/35271/938416/97_2008.png/ea514af6-cf2e-c28d-8b6d-6f3d0901d67f?t=1683107423394)
2008 Xosé María Álvarez Blázquez. Darío Xohán Cabana intervén na sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega celebrada no Auditorio do Concello de Vigo. Na mesa presidencial de esquerda a dereita: Manuel González, Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos. Sentados: Ramón Villares, Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Xosé Luís Méndez Ferrín
![](/documents/35271/938416/104_2011.png/d13a9b5a-844b-17bf-fe23-0f83ba0aa557?t=1683202533974)
2011 Lois Pereiro. Intervención de Darío Xohán Cabana na Casa da Cultura de Monforte de Lemos durante o plenario extraordinario da Real Academia Galega. De esquerda a dereita sentados: Luz Pozo, Antón Santamarina, Margarita Ledo, Neira Vilas, Manuel Rivas (detrás). Na mesa: Euloxio R. Ruibal, Manuel González, Alberto Núñez Feijoo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos. Sentados: Francisco Fernández Rei, Ramón Villares, Salvador García-Bodaño, Ramón Lorenzo; detrás: Rosario Álvarez, Xesús Alonso Montero, Andrés Torres Queiruga, Xesús Ferro Ruibal e Víctor F. Freixanes
![](/documents/35271/938416/105_2012.png/cfb77229-d186-ccd4-7555-e1b5d8bc672f?t=1683202534012)
2012 Valentín Paz-Andrade. Descubrimento dunha placa no edificio Sanchón da rúa Policarpo Sanz, onde Paz-Andrade residiu e traballou. Entre o público: Bernardino Graña, Andrés Torres Queiruga, Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo, Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo e Xesús Ferro. Acompañou o acto a música de Son de Seu
![](/documents/35271/938416/111_2014.png/ad637744-526b-4dc7-3a9f-a7743c420c35?t=1683202534234)
2014 Xosé María Díaz Castro. Académicos e académicas asistentes á celebración. De esquerda a dereita, sentados: Bernardino Graña, Rosario Álvarez, Xesús Alonso Montero, Luz Pozo, Margarita Ledo; de pé na primeira fila: Francisco Díaz-Fierros, Salvador García-Bodaño, Fina Casalderrey, Ramón Villares, Xosé Luís Franco Grande, Xesús Ferro Ruibal, Víctor F. Freixanes; de pé na segunda fila: Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei, Pegerto Saavedra, Euloxio R. Ruibal, Manuel González, Xosé Luís Regueira, Henrique Monteagudo, Darío Xohán Cabana, Andrés Torres Queiruga
![](/documents/35271/938416/113_2015.png/d9ee1c4b-4bf1-89fc-94b5-dc629d0c31b8?t=1683202534308)
2015 Xosé Filgueira Valverde. Peche da sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega no Museo de Pontevedra a cargo a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que interpretaron a Cantiga 100 das Cantigas de Santa María e o himno Galego