Letras Galegas 2025

Da tradición á vangarda

Por Ana Boullón Agrelo

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. 

1/5

A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións (e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María). Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa. A súa actitude de espontaneidade, tolerancia, desorde e certa despreocupación pola forma valeulle normalmente unha valoración negativa desde os estratos sociais que procuraban unha cultura baseada no coñecemento da cultura clásica, a disciplina e o acatamento ás formas. E a distancia entre ambas foi aumentado por mor da difusión da imprenta, a escolarización e a urbanización.

Deste xeito, fluíu como unha corrente subterránea alternativa á denominada literatura “culta”, propia das clases subalternas que a compuxeron e a fixeron medrar. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo. Desenvólvese no contexto das foliadas (ou polavilas, ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. E foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior: a obra fundacional da nosa figura máis sobranceira, Rosalía de Castro, os Cantares gallegos, bebe directamente da poesía popular.

As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto. Desde as primeiras recollas foise pondo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres. Por esa razón, e para visibilizar o dobre ocultamento de xénero e materia popular, optouse por unha candidatura feminina, aínda que, obviamente, tamén houbo homes que enriqueceron esta tradición (por caso, o Cego dos Vilares, da Fonsagrada).

O valor deste patrimonio fora recoñecido desde o padre Sarmiento no século XVIII, estudosos que fixeron recollas no século XIX (Xosé Pérez Ballesteros) e no XX (Casto Sampedro Folgar, Víctor Said Armesto, Jesús Bal y Gay, Alan Lomax). Amais de cancioneiros de comarcas concretas (Xaquín Lorenzo, da Limia Baixa, Lois Tobío Campos, da Maía…), a finais dese século compiláronse e estudáronse en conxunto os repertorios publicados (Domingo Blanco) e rescatáronse mediante entrevistas e sesións directas, xuntando partitura musical, letra e gravación (a musicóloga Dorothé Schubarth e o filólogo Antón Santamarina no Cancioneiro popular galego), voces senlleiras ou en conxunto, sempre mostras dun traballo colectivo da comunidade. Actualmente, parte dese patrimonio está custodiado en diversas institucións (Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Museo de Pontevedra…), que inclúen rexistros sonoros e audiovisuais.

No último terzo do século XX, cos cambios de modelo produtivo que ocasionaron o abandono do medio rural, a transmisión interxeracional nas aldeas foi mudando para o ensino regrado, grazas ao labor dos coros históricos (Cantigas e Agarimos, Cantigas da Terra, Toxos e Flores, Ruada…) e das asociacións culturais (Aturuxo, Eidos, Xacarandaina, Brincadeira, Raigañas de Cerqueda, Arume, Xiradela, Donaire, Fiadeiro...), que promoveron aulas, concursos e exhibicións por todo o país. Desde finais da década de 1970 non só fixeron traballo de campo recollendo letras e coplas, senón tamén docencia e espallamento de letras, bailes e músicas. Todos estes colectivos foron axentes no mantemento e transmisión deste legado á sociedade, que tan claramente mostra a identidade colectiva, con múltiples facetas: lingua, música, baile, vestiario. Así, foise espallando entre a xente nova ese tesouro con tan pouca visibilidade social antano e que aínda hoxe require de maior protección institucional como parte do noso patrimonio inmaterial. 

E ese labor frutificou tamén nos últimos anos entre a mocidade: novas figuras da regueifa, o noso rap bravú (Alba María, Xairo de Herbón), grupos que transcenden os ritmos tradicionais con fusión con novas músicas, do rock e o jazz ao pop e á electrónica. Pódense mencionar, entre moitos, Baiuca, Tanxugueiras, Boyanca Kostova, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures… Todos eles retoman no século XXI o elo que foron enfiando Fuxan os Ventos, Milladoiro, Leilía, Mercedes Peón, Uxía Senlle, Xabier Díaz e tantos outros. A tradición vólvese vangarda. O folclore, conxunto de tradicións, costumes e manifestacións artísticas dun pobo, non debe ser contemplado de forma arqueolóxica, senón que na súa propia esencia está a evolucionar e cambiar, é zume que nutre novas formas de expresión. Nun momento en que a lingua galega presenta as cifras máis baixas entre a xente máis nova, o interese por estes grupos e polas diversas manifestacións que levan asociadas contribuirá tamén á difusión oral da lingua en que están creadas: asistimos agora a novas foliadas, a cantos de taberna, á irrupción espontánea de xente bailando nos concertos de música tradicional… Cómpre volver ás raíces para seguir botando gromos.

O entusiasmo con que reaccionou a sociedade galega referenda a proposta da RAG, igual cá escolla de cantareira como Palabra do Ano: o recoñecemento ás nosas devanceiras éo á nosa memoria, á nosa historia como pobo e ao mantemento da nosa lingua, desde a alegría da música e a celebración.

Un dos factores que dificultou a elección concreta das personaxes que ían encarnar esta homenaxe non foi o seu número, por suposto, senón o carácter anónimo propio da transmisión popular: as mulleres non eran coñecidas alén dos límites das súas aldeas (fóra, neste caso, das Pandeireteiras de Mens e de Eva Castiñeira); os grupos que se constituían nin adoitaban recibir nome nin se axustaban a formatos fixos; non buscaban gabanzas máis alá da súa contorna. Por iso, de novo o labor de recollida e difusión de diversas editoriais foi crucial para coñecer algunhas delas. Enténdase, pois, que non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria.

Adolfina Casás Rama (1912–2009) e Rosa Casás Rama (1914–2005)
As dúas naceron na Vila da Igrexa (Cerceda) e morreron en Culleredo e na Coruña, respectivamente. Son tía e sobriña, cantadoras e pandeireteiras, con sona na contorna. Sabemos das súas circunstancias persoais polo labor de Richi Casás, neto de Rosa e sobriño neto de Adolfina, que, como músico, deu a coñecer as súas voces.

Ambas, fillas de solteira, criáronse xuntas e aprenderon a cantar no seo da familia. Viviron en condicións de moita pobreza, pero eran mulleres xenerosas que compartían todo o que tiñan, fortes e creadoras de ledicia, en palabras de Rafael Casás. A súa habilidade para o canto facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran recoñecidas por estes saberes pola xentes do lugar. A carencia económica non implicaba ausencia de instrumentos: pandeireta se a había, se non, pratos, cuncas ou testos de potas, calquera utensilio servía como elemento de percusión. Cos cambios acaecidos no medio rural, Rosa emigrou a Suíza e a Nottingham (Inglaterra) na década de 1960. Volvéronse xuntar na década de 1980, onde recuperaron o seu xeito de cantar e tocar, agora nas celebracións familiares. Foi nesa época cando coñeceron a Dorothé Schubarth, que recolleu o seu canto para o Cancioneiro popular galego (1982). A investigadora destacou delas a súa variedade de melodías, a orixinalidade das coplas e a capacidade de improvisación. Máis tarde, aCentral Folque editou o libro-cedé Fuliada na Vila (2020), de Richi Casás.

Eva Castiñeira (1925-2008)
Naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. De ben nova, con só oito anos de idade, xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e mais coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma.

A principios de 1980 traballaba na casa de Tino Maceiras, un dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e comentoullo a Rodrigo Romaní, tamén membro de Ruada, fundador e integrante de Milladoiro. En 1981, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, un traballo etnográfico coordinado por Pablo Quintana. Ese mesmo ano, Milladoiro convidou a Eva Castiñeira a participar nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña. Converteríase deste xeito, canda a súa irmá Engracia, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk. Despois virían tres novas tocadoras, Felisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas, no álbum de Milladoiro Galicia no país das maravillas (1986), gravado no estudio dublinés Windmill Lane.

Comezaba así un novo ronsel que se proxecta ata as Tanxugueiras, pasando por Leilía, grupo que lle dedicou á memoria de Eva Castiñeira o seu disco Consentimento (2012), dende a consciencia de que, coma tantas mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido. Unha homenaxe á muller galega, como creadora, conservadora e transmisora da tradición oral galega.

Outras pezas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón” (orixinalmente "Valse corrido"), que ten interpretado Xabier Díaz; “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior (2012), e cantado tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva”, que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.

Manuela Lema (1913-1993) e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007), Pandeireteiras de Mens
As Pandeireteiras de Mens, tamén chamadas As Vellas de Mens, foron cinco labregas da parroquia malpicá que lles deu o nome: Prudencia Garrido Ameixenda e a súa irmá Asunción, do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa finaron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente mencionadas na candidatura no Día das Letras Galegas 2025. Outros compoñentes foron Teresa da Cambada, formante do grupo nos seus primeiros tempos, e mais Jesús do Redondo e Alfonso de Beán, bailadores (este último, fillo de Prudencia).

Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado. Foron informantes do Cancioneiro popular galego, estudáronse os seus bailes e cantos no libro Debullando folklore de Manuel Cajaraville e puxéronse como exemplo de tocar a pandeireta co puño pechado no libro Os segredos da gaita de Xosé Lois Foxo. 

A historia das Velliñas de Mens foi rescatada nunha obra de Beatriz Busto Miramontes, musicóloga e antropóloga social. No seu relato e estudo etnomusicolóxico –titulado Pandereteiras de Mens (aCentral Folque, 2021)– refírese a elas como a cabeza visible e audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia; e conta como as cinco veciñas de Malpica de Bergantiños aproveitaron as oportunidades que o folclore, que outrora enchía de coplas e baile as rogas, agora lles presentaba para viaxaren e viviren experiencias que se supuñan pouco adecuadas para a súa idade e orixe. Elas, pola súa parte, fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban. 

Parafraseando a propia Busto, as Pandeireteiras de Mens foron mulleres, labregas, vellas, vestidas de negro, do rural, que accederon a un lugar visible e público, a un escenario, naqueles anos setenta. Situaron na escena o que estaba fóra do canon, por non representaren os modelos urbanos e burgueses, por seren mulleres, por non seren novas. Supón unha reivindicación en clave feminina: con elas comezou o proceso de plena conciencia de mirar para o patrimonio oral feminino e visibilizalo.