Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Galicia
feminino
Nome toponímico
Variantes
Femininas Galiza
Etimoloxía e historia
Nome de lugar que ten a súa orixe na palabra latina Callaecia, formada sobre calaicos, o xentilicio dos pobos que habitaban o noroeste da Península Ibérica. O paso do C- a G- é posterior á documentación máis antiga e parece que ten que ver coa influencia da palabra gallus 'galo', nome que os romanos daban aos celtas da Galia. En todo caso, son voces de orixe probablemente céltica e significado controvertido.
Motivación
O nome de Galicia (ou Galiza) vén sendo utilizado desde principios do século XX como nome de muller en paralelismo coa serie de nomes xeográficos tipo América ou África, pero neste caso cun claro sentimento identitario, sobre todo na emigración, onde hai centos de persoas así chamadas en países americanos.
O xeneral romano Décimo Xunio Bruto, no ano 137 a. C., inaugurou na historia o que acabaría sendo o nome común dos pobos do noroeste ibérico, pois autotitulouse ‘o Galaico’ para ser recibido con honores en Roma ao ser quen de vencer o pobo dos galaicos do noroeste hispánico.
Incorporado o territorio ao Imperio romano por Augusto no ano 19 a. C., durante dous séculos permaneceu incluído na provincia Tarraconense. No ano 212 o emperador Caracalla individualizou o territorio galego nunha provincia propia que inicialmente se denominou Nova Citerior e inmediatamente Gallaecia.
A administración de Diocleciano dividiría, entre o 296 e o 305, Hispania en cinco provincias: Tarraconensis, Cartaginensis, Baetica, Lusitania e Gallaecia. Algo distinto ou particular observarían os romanos na idiosincrasia dos pobos do noroeste ibérico para creala.
A provincia romana da Gallaecia abranguía un territorio moito máis extenso que o da Galicia actual. A capital era Bracara Augusta (Braga), pero para a administración de xustiza e outros trámites a provincia dividiuse primeiro (no século III) en tres conventos xurídicos: o Bracarense (con capital en Braga), o Lucense (con capital en Lugo) e o Asturicense (con capital en Astorga). No século IV engadíuselle outro máis polo leste: o Cluniacense (con capital en Clunia, hoxe Coruña del Conde).
Esta amplísima Gallaecia —que se estendía desde Atlántico ás fontes do río Douro— será a que se prolongue despois do remate do Imperio e a que durante moito tempo conserve o nome, consolidado durante boa parte da Idade Media grazas ao prestixio da tradición latina. Mais cómpre recoñecer que nela non todos eran etnicamente galaicos, pois habitábana pobos diferenciados, e talvez a división conventual establecida pola administración romana non era nada artificial. De aí que, a pesar de que o reino medieval galego —o Galliciense regnum dos documentos— continuase constituíndo unha unidade política ata mediados do século XII, a partir desta data fractúrase en varias entidades, inicialmente axustadas aos conventos romanos: no Bracarense nacerá o reino de Portugal; no Asturicense o reino de Asturias-León; no Cluniacense o de Castela, e no Lucense “na extremidade do océano” (Hidacio), o de Galicia, que máis ou menos se corresponde coa Galicia actual.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]