Guía de nomes galegos

Esta Guía de nomes galegos ten como obxectivo ofrecer información á cidadanía á hora de coñecer a forma estándar dos nomes ou escoller un nome galego para os seus fillos, mediante un formulario online que permite facer múltiples buscas. Recolle máis de 1500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica, moitos deles desde a Idade Media. O corpus e boa parte da información etimolóxica, histórica, de hipocorísticos e correspondencias teñen como punto de partida o Diccionario dos nomes galegos coordinado por Xesús Ferro Ruibal e publicado en 1992, que xa naquel momento obtivo a ratificación da Real Academia Galega, quen asumira as súas propostas como oficiais. Desde aquel momento incrementáronse en gran medida os estudos onomásticos, e tamén é posible contar con datos oficiais do censo. Isto permitiu revisar a listaxe dese dicionario (as formas estandarizadas en pouca medida, o que confirma o rigor con que fora elaborada) e incrementala a partir dos novos nomes que foron aparecendo.

Os repertorios antroponímicos de todas as linguas vanse compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo: a relixión, a literatura, a política, préstamos doutras linguas etc. Non podemos obviar a interferencia do castelán no noso sistema onomástico, que motivou, a partir do século XVI, a substitución dos nomes galegos polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos. Pero só nos textos escritos, porque moitos deles seguiron existindo ata agora mesmo, fóra de rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral, usados unhas veces como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou como hipocorísticos (poñamos por caso Anxelo); outros mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, isto é, nomes de lugar baseados en nomes de santos (Uxía, Tomé); algúns destes conserváronse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ó santo portador (Brais). Non cómpre dicir, por obvio, que non son só nomes galegos aqueles que teñen unha forma diferencial con respecto ó castelán, dado que, pola semellanza entre as linguas da Península Ibérica, un número apreciable son formas compartidas (así, María, o feminino máis frecuente desde que se conservan rexistros escritos, ou Manuel). Finalmente, consideramos os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (por caso, Xeila ou Aixa).

Por tanto, os criterios principais para a inclusión de nomes neste elenco son: a) a súa presenza significativa en Galicia, en calquera momento desde a Idade Media ata os últimos censos oficiais, e b) seren acordes coa grafía, a fonética e a morfoloxía galegas. Os dous criterios son simultáneos e complementarios.

Nesta guía recóllense, pois, os usos tradicionais, pero tamén moitos nomes novos que se habilitaron na sociedade desde a eliminación legal da prohibición de escoller nomes galegos para as nenas e os nenos. É o caso de moitos topónimos (Iria, Aldán, Xalo) ou formas do léxico común (Lúa, Area) que ata o momento non foran empregados como antropónimos. Outra fonte importante foi o uso de variantes familiares (hipocorísticos) que apareceron coa categoría de nomes nos rexistros oficiais (Catuxa, Maruxa, Xandre, Xela). No dicionario consideramos esas formas como variantes dos nomes e reservamos a etiqueta “hipocorísticos” para aqueles dos que non temos constancia do seu uso oficial. Neste repertorio non se propoñen nomes non existentes xa no censo, pero está claro que, dado que desapareceron na lei as restricións á hora de escoller nomes para as rapazas ou rapaces que nacen, calquera nai ou pai pode acudir con ese fin ao nomenclátor de Galicia, ao léxico común, á mitoloxía, á literatura ou ao noso pasado medieval.

Por último, inclúense tamén correspondencias con outras linguas, de forma case sistemática no caso do portugués, castelán, vasco e catalán, aínda que tamén se teñen en consideración outras linguas europeas.

A aplicación permite facer consultas variadas, segundo os criterios que o usuario queira aplicar. Son os seguintes:

  • Forma estándar do nome (lema)
  • Xénero
  • Feminino ou masculino do lema
  • Etiqueta (nome bíblico, cristián, personaxe histórico, literario, toponímico, mitolóxico, hipocorístico)
  • Variantes
  • Hipocorísticos
  • Etimoloxía
  • Motivación
  • Chamáronse así
  • Observacións
  • Correspondencias a outros idiomas.

O apartado da motivación merece un comentario máis demorado. Procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron. Como é de esperar, a maior parte dos nosos nomes máis comúns son de procedencia xudeo-cristiá (do Antigo ou do Novo Testamento), á que tamén hai que unir a mitoloxía-historia grecolatina, a celta e a xermánica, entre outras. Polo tanto, citamos santos e santas e heroes e heroínas reais ou imaxinarios, pois tamén se inclúen nomes nacidos de creacións literarias. É de común coñecemento que as historias de moitos destes santos e santas non foron reais; boa parte delas proceden da chamada Lenda dourada (Legenda aurea ou Flos sanctorum, en latín), unha recompilación das súas fabulosas vidas realizada a finais do século XIII polo dominico italiano Jacopo della Voragine que tería grande influencia no mundo cristián, na literatura e na arte.

Debido a que son de coñecemento máis xeneralizado, procurouse sintetizar a información sobre as historias ou lendas dos persoeiros que deron orixe ou que popularizaron moitos dos nomes máis comúns ou máis repetidos (como poden ser os de procedencia bíblica ou cristiá: Abel, Abrahán, Adán, Ester, Eva, Moisés, María, Noé, Filipe, Santiago, Xesús, Xoán, Xosé... ou de orixe clásica: Aquiles, Ulises, Hércules, Diana, Narciso, Zeus...). A información é máis ampla en nomes particularmente distintivos para os galegos, históricos ou lendarios, que poidan inspirar os usuarios á hora de decidiren a escolla do nome (Barca, Estrela, Mariña, Paio, Xián...).

Así mesmo, levan moita máis información nomes de personaxes importantes da historia de Galicia, xa sexa a mítica dos tempos remotos (Breogán, Brigo, Galo, Ite), xa a histórica de finais da Idade Antiga (Prisciliano, Exeria, Paulo Orosio ou Hidacio) e de toda a Idade Media. Consideramos que esta Guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada ou mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular —española ou portuguesa— coa importancia que realmente tivo o reino medieval de Galicia. Mesmo se chega a afirmar que non existiu, cando está plenamente documentado, xunto cos seus reis e raíñas. En entradas como Afonso, Fernando, Froila, García, Ordoño, Ramiro, Sancho e Sancha, Orraca ou Vermudo —algúns xa pouco empregados na actualidade— o usuario dispón dunha ampla información de nomes que usaron monarcas galegos medievais, dos que a historia oficial só os consignaba como reis de Asturias, de León ou de Castela. Case todos eles, sobre todo os da Alta Idade Media, tamén foron reis galegos, algúns incluso privativos de Galicia. Da mesma maneira que se acabou aceptando a denominación convencional de “galegoportugués” para o idioma galego medieval, tamén, para non entrarmos en polémicas, denominamos, como fan algúns medievalistas, monarcas “ásturgalaicos” os da corte ovetense, e “galaicoleoneses” os da corte leonesa.

Como é lóxico, non só citamos reis e raíñas, senón tamén personaxes importantes que por algún motivo deron sona ao nome: así, en entradas como Aldara, Inés, Munio, Raimundo, Rosendo, Xiraldo etc. prestamos especial atención ás referencias a Galicia en obras literarias ou crónicas históricas de personaxes non galegos, como por exemplo en Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.

Ao remate de cada entrada vai unha relación de persoeiros universais que levaron o nome nos seus respectivos idiomas. Como é lóxico, conteñen un bo número de galegos e galegas: escritores, artistas e xente da ciencia, en todos os casos, xa falecidos. Como con anterioridade á Lei do 4 de xaneiro de 1977 no Rexistro Civil do Estado español había a obrigatoriedade de consignar os nomes en castelán e non se consentían noutras linguas, xa fosen estranxeiras ou mesmo das outras españolas (galego, catalán e vasco), deixamos os seus nomes coa forma en castelán que tiveron en vida, pois aínda que quixesen non tiveron oportunidade de galeguizalo. Eran outras circunstancias históricas. Deste xeito, a partir da citada data do 4 de xaneiro de 1977 xa non temos ningún impedimento para poñer nomes con formas diferenciais galegas a nenos e a nenas ou para galeguizarmos os nosos.

En fin, debe terse en conta que, como toda obra lexicográfica, esta Guía non contén todos os nomes que podería. Está aberta para engadir nomes, emendar deficiencias e incrementar a información. Nese sentido, animamos a cidadanía a contribuír a este traballo, que ten como principal obxectivo o servizo do país.

Os máis buscados
Esta semana Este mes
Listas de nomes


Preme na imaxe


Preme na imaxe