Guía de nomes galegos

Aférese
Supresión dun fonema ou varios ao comezo dunha palabra. Ex.: Manuel < Emmanuel.
Augural [nome]
Dise dun nome que expresaba bos desexos para a meniña ou meniño a quen se lle poñía. Ex.: Fiz, do latín Felix ‘feliz’.
Cognome
No sistema de denominación persoal romano, era o nome que especificaba a rama ou familia a que pertencía un home. Moitas veces facía referencia a trazos físicos ou psicolóxicos da primeira persoa que o levara. Ex.: o nome Flavus levouno un home co cabelo louro.
Cultismo
Palabra que non experimentou as evolucións fonéticas esperables na historia da lingua por incorporarse a ela máis tarde. Ex.: lat. FELIX, FELICE > feliz (fronte ao nome persoal con evolución patrimonial Fiz); VALENTE > Valente (fronte ao nome de lugar Vente).
Étimo
Termo considerado como a orixe doutro. Ex.: o étimo de Bieito é o latín Benedictus.
Gens
Grupo social na antiga Roma formada por un conxunto de familias que proviñan dun antepasado común, que era quen lle daba o nome, isto é, o nomen gentilicium. Destes xentilicios proceden bastantes nomes actuais, como Antonia, Livia ou Valeria.
Gótico
Lingua da rama xermánica oriental que falaron os godos.
Haxiotopónimo
Topónimo que se refire a un santo ou santa ou a cultos relixiosos.
Hidrónimo
Nome de lugar que fai referencia a un elemento xeográfico relacionado coa auga.
Hipocorístico
Forma derivada ou procedente dun nome propio cun uso afectuoso dentro da familia ou nos círculos máis próximos da persoa. Ex.: Carmiña, Tonecho, Lucho, Sefa, Manolo, Lela, Suso, Maúca
Metátese
Cambio de lugar dun fonema nunha palabra. Ex.: Carlos > Calros.
Nome de posesor
Nome persoal que está na orixe dun topónimo e que se refire ao antigo propietario ou propietaria das terras. Ex.: Aldán procede do nome de posesor masculino Alda, de orixe xermánica.
Patronímico
Nome derivado do nome do pai, normalmente co sufixo -ez, que se usaba na Idade Media despois do nome propio. Ex.: Fernando Méndez, fillo de Mendo Estévez, e este de Estevo Pais, e este de Pai Rodríguez.
Teofórico
Dise dun nome propio que contén o nome dun deus. Ex.: os nomes hebreos Daniel, Gabriel e Rafael están rematados por unha abreviación de Elohim ‘Iavé’.
Variante patrimonial
Palabra que experimentou as evolucións fonéticas regulares na historia da lingua. Ex.: lat. LUNA> gal. lúa, CALENTE > quente.
Os máis buscados
Esta semana Este mes
Listas de nomes


Preme na imaxe


Preme na imaxe