Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Galo, Gala
Etimoloxía e historia
Étimo dubidoso: hai quen opina que procede do nome común latino gallus 'galo' (macho da galiña), alcume rexistrado para moitos homes ilustres na Roma da época precristiá. Pero probablemente veña do sobrenome étnico latino Gallus 'galo' (habitante ou oriúndo da Galia, Transalpina e Cisalpina). Hai discrepancia no que respecta á máis remota etimoloxía deste nome étnico: uns remiten ao címrico gallu 'poder', outros ao córnico gallos 'potencia', ao bretón gal 'potencia' ou ao nome céltico que significa 'potente'.
Motivación
Galo, Gao ou Gall (ou Cao ou Call) é un dos personaxes da historia mítica galega: fillo de Brigo —o lendario primeiro poboador de Galicia— e neto de Túbal —o lendario primeiro poboador da península ibérica—, bisneto de Iafet e tataraneto de Noé, o patriarca bíblico.
San Galo foi un misioneiro irlandés que evanxelizou as Galias con san Columbano; é o patrón do mosteiro de Saint Gallen (Suíza).
Gala Placidia (388-450) era filla do emperador Teodosio I e irmá de Arcadio e Honorio (futuros emperadores). Casou co rei visigodo Ataúlfo I, e, viúva deste, co xeneral Constancio III, asociado ao goberno do Imperio romano de Occidente, do que tivo dous fillos: Valentiniano III e Honoria.
Santa Gala de Roma (século VI) era filla do patricio Quinto Aurelio Memmio Simmaco, membro do Senado, durante anos conselleiro do rei Teodorico (que o acabaría mandando matar por sospeitas infundadas de traizón). Gala foi dada como esposa a un patricio; ao ano seguinte enviuvou e non quixo volver casar, pois preferiu retirarse a un mosteiro preto da basílica vaticana. San Gregorio o Magno escribiu a súa vida.
Chamáronse así
Na forma masculina, en Galicia tivo sona Galo Salinas Rodríguez (1852-1926), activo xornalista e escritor galeguista que destacou no campo da dramaturxia. Na forma feminina levou este nome Gala Murguía de Castro (1871-1964), unha das fillas de Manuel Murguía e de Rosalía de Castro, irmá xemelga do pintor Ovidio Murguía.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Gallus | Galla |
Catalán | Gal | Gaŀla |
Español | Galo | Gala |
Éuscaro | Galo | Gala |
Francés | Jal | |
Gau | ||
Gall | Galla | |
Inglés | Gallus | Galla |
Italiano | Gallo | |
Portugués | Galo | Gala |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]