Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xesús, Xesusa
Nome cristián
Pronuncia
Xesús:
Hipocorísticos
Másculinos Suso, Chucho, Chus
Femininos Susa, Chucha, Chus (de María Xesús)
Etimoloxía e historia
Do hebreo Yexua', forma breve de Ye'oxua' (de onde procede o nome Xosué) a través do grego Iesoûs e do latín Iesus. Significa 'Deus salva, Deus é salvación', pero nos primitivos ambientes cristiáns foi interpretado simplemente como 'que salva, salvador'.
Motivación
Xesús de Nazaré naceu en Belén uns cinco anos antes ou despois do comezo da nosa era, baixo o imperio de Augusto. Viviu 33 anos, predicou en Palestina e foi crucificado polo poder romano baixo o imperio de Tiberio (14-37). Para os seus seguidores —os cristiáns— era o fillo de Deus, o Mesías anunciado no Antigo Testamento. Tivo doce apóstolos que, con Paulo de Tarso, espallarían a doutrina por todo o Imperio. Hoxe o cristianismo é a relixión máis estendida no mundo, cuns 2.500 millóns de seguidores, entre católicos, ortodoxos, protestantes e outras confesións.
Por unha reverencia semellante á que os xudeus tiñan co nome de Iavé (Deus), o de Xesús non se impuxo a bautizados en Europa e non hai ningún santo que o leve. A zona de uso como nome propio de persoa cadra cos límites máximos do antigo imperio español; fóra del non ten uso.
En Galicia empezou a aparecer ao longo do século XIX, por medio de eclesiásticos oficiantes de bautismo ou padriños, para ser despois no XX un dos máis frecuentes.
Chamáronse así
O lugués Xesús Rodríguez López (1859-1917), médico e escritor en galego e en castelán sobre temas variados: novela, teatro, poesía, ensaio. O bergantiñán Xesús San Luís Romero (Carballo 1872 - Santiago de Compostela 1966), político e escritor en galego que destacou sobre todo como autor teatral (obras tan representadas como O fidalgo, estreada en 1918). O sacerdote compostelán Xesús Carro García (1884-1973), arqueólogo e escritor en galego que foi quen de salvar da barbarie golpista de 1936 os fondos da biblioteca do Seminario de Estudos Galegos; polos seus méritos ingresou na RAG en 1941. O pintor Jesús Rodríguez Corredoyra de Castro, que asinaba artisticamente como Xesús Corredoyra (Lugo 1889 - Santiago de Compostela 1939), foi considerado polos seus coetáneos como o iniciador da escola pictórica galega. O lugués Jesús Bal y Gay (1905-1993) foi un importante músico e musicólogo galego, exiliado en México desde 1936 a 1965; unha residencia da USC lembra o seu nome. O historiador Xesús Ferro Couselo (Cordeiro-Valga 1906 - Ourense 1975), foi tamén arqueólogo e escritor en galego; dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1996. O verinés Xesús Taboada Chivite (1907-1976) foi un destacado arqueólogo, historiador e etnógrafo, así como membro da RAG e cronista oficial de Verín. O debuxante Xesús Campos Álvarez, coñecido como ‘Chichi Campos’ (Tenerife 1952 - Santiago 1991), foi un humorista gráfico, deseñador, guionista e publicista galego, intelectual libertario comprometido e crítico.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Jesús | |
Español | Jesús | |
Éuscaro | Jesus | |
Josu | Josune | |
Francés | Jésus | |
Portugués | Jesus |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]