Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Santiago
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Santiago:
Hipocorísticos
Másculinos Chago, Santi
Etimoloxía e historia
Contracción de Sant Iago, procedente de sanctus e Iacobus, que tamén deu lugar a Xaime e Xácome. É o nome dado ao apóstolo a quen se lle dedicou a catedral compostelá, traído a Palestina polos seus discípulos e sepultado no que desde aquela foi coñecido no mundo como Santiago de Galicia.
Motivación
Santiago o Maior era un dos doce apóstolos de Cristo, irmán de san Xoán apóstolo. A lenda di que foi o primeiro evanxelizador da Península Ibérica e que recibiu a visita da Virxe, que aínda vivía en Palestina, para animalo na súa prédica, xa na beira do río Ebro ou nas terras fisterrás galegas; de aí as orixes lendarias dos santuarios do Pilar de Zaragoza e da Barca de Muxía.
A historia rigorosa non atopa indicios fiables da existencia de cristianismo na Gallaecia ata mediados do século III. O que si se sabe certo é que morreu decapitado cunha espada por orde de Herodes Agripa no ano 44, polo que é considerado o primeiro mártir da Igrexa primitiva. Outra lenda di que os seus discípulos recolleron o seu corpo e que o trouxeron nunha barca de pedra sen remos nin velas ás costas de Galicia, para enterralo nun lugar do interior.
A principios do século IX, durante o reinado do rei ástur-galego Afonso II, o bispo Teodemiro de Iria anunciaba o achado do seu sartego nun lugar que posteriormente se denominaría Compostela. Alí erixiríase unha igrexa e posteriormente unha gran catedral na súa honra, que se convertería nun centro de peregrinación para toda Europa. Durante a Idade Media, despois da nunca documentada batalla de Clavijo, Santiago converteríase no santo guerreiro símbolo da chamada reconquista cristiá do territorio dos musulmáns do sur peninsular. Dun xeito ou doutro, a cidade de Santiago de Compostela debe a súa existencia ao seu sepulcro, que axiña se converteu nun dos tres centros principais de peregrinación, xunto con Roma e Xerusalén.
Os conquistadores españois bautizaron co nome do Apóstolo cidades de Iberoamérica, algunhas delas importantes capitais: Santiago de Cuba, Santiago de Chile, Santiago de Guayaquil, Santiago de León de Caracas, Santiago de Querétano etc.
Chamáronse así
O científico aragonés Santiago Ramón y Cajal (1852-1934), pai da neurociencia, Premio Nobel de Medicina de 1906. Tamén dous políticos: Santiago Casares Quiroga (A Coruña 1884 - París 1950), quen presidía o goberno da II República española cando se produciu en xullo de 1936 a sublevación militar que provocou a guerra civil; non soubo atallar a rebelión e presentou decontado a dimisión; e Santiago Carrillo Solares (1915-2012), natural de Xixón, secretario xeral do Partido Comunista de España de 1960 a 1982, figura clave desde a II República ao final da transición española.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Jakob | |
Bretón | Kouig (hip.) | |
Kou (hip.) | ||
Jakez | ||
Catalán | Santiago | |
Español | Santiago | |
Éuscaro | Jakue | |
Jacob | ||
Jakes | ||
Jakue | ||
Jagoba | ||
Jakobe | ||
Francés | Jacques | Jacqueline |
Inglés | Jimmy (hip.) | |
Jim (hip.) | ||
James | ||
Irlandés | Seumus | |
Italiano | Giacomo | |
Portugués | Santiago | |
Romanés | Iacob | |
Ruso | Iakob |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]