Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xacobe, Xacoba
Nome bíblico
Pronuncia
Xacobe:
Etimoloxía e historia
A variante Xacobe parte de Xacob cun -e paragóxico, como vogal de apoio ante unha consoante insólita en galego nesa posición final.
Motivación
Xacobe foi un nome de estirpe da casa escocesa dos Estuardo (Stuart), que levaron seis reis de Escocia dos séculos XV e XVI: de Xacobe I (1406-1437) a Xacobe VI (1567-1625). Este último, fillo da raíña dos escoceses María Estuardo, herdaría tamén a coroa de Inglaterra á morte sen descendencia da súa tía Isabel I e reinaría conxuntamente as dúas nacións como Xacobe I de Gran Bretaña (1603-1625). Un neto seu, Xacobe II (1685-1688), sucedería ao seu irmán Carlos II no trono británico e intentaría que os seus súbditos volvesen ao catolicismo, pero atopouse coa oposición da maioría da poboación británica. Animado polo apoio dos católicos irlandeses, desembarcou en Irlanda para situar alí a base das operacións. O exército dos seus seguidores católicos —os xacobitas (the Jacobites)— sería derrotado polo protestante de Guillerme de Orange na batalla do Val de Boyne (1690), e Xacobe fuxiría a Francia. A vitoria protestante nesta batalla aínda é motivo de celebración nos nosos días pola Orde de Orange dos unionistas de Irlanda do Norte, con fastosos desfiles.
Jacobus a Voragine, máis coñecido como Jácopo della Vorágine, foi un frade dominico italiano nacido en 1228 en Varazze (Varagine en época medieval) e morto en Xénova en 1298, onde chegou a ser bispo. Os italianos tamén se refiren a el como Jacopo da Varagine ou da Varazze. A súa sona debeuse á recolleita que fixo das vidas de moitos santos e santas —a Legenda Aurea (Lenda Dourada)—, a maior parte fabulosas, escritas en latín a partir de 1260 e reelaboradas á súa morte. Esta obra tivo moita difusión por toda Europa, influíu na literatura relixiosa e foi fonte iconográfica para moitos artistas. O papa Pío VII declarouno beato e ten unha capela na súa honra en Varazze (Savona-Liguria).
Chamáronse así
Jacoba Cisneros (1813-1860), aristócrata galega, mecenas das artes e das letras.
Jacoba Gil Taboada, empresaria galega da minería de finais do XVIII e principios do XIX.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Español | Jacobo | |
Italiano | Jàcobo | |
Iàcopo | ||
Giacòbbe | ||
Portugués | Jacobo |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]