Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xaime
masculino
Personaxe histórico
Pronuncia
Xaime:
Variantes
Masculinas Xácome
Etimoloxía e historia
A orixe remota deste nome está no nome do patriarca bíblico Xacob. A súa evolución parte do nome dos dous apóstolos, que, a partir da versión latina do Novo Testamento deu a variante Jacomus, de onde proceden directamente Xácome (forma que entre nós sempre perviviu como apelido) e Xaime. Esta última é adaptación da forma occitana e catalá Jacme ou Jaume. A antigüidade deste nome en Galicia está testemuñada pola súa aparición nas Cantigas de Santa María, do rei Afonso X o Sabio, onde se rexistran as formas James e Jaymes, que tamén se ven na Crónica Troiana, no século XIV, como adaptación galega do nome do rei de Aragón, Jaume el Conqueridor.
Motivación
Na historia medieval da península ibérica foi famoso Xaime I de Aragón o Conquistador (1208-1276), rei de Aragón (1213-1276), de Valencia (1238-1276), de Mallorca (1229-1276), conde de Barcelona (1213-1276) e señor de varios feudos na Occitania.
Chamáronse así
Jacques Cartier (1491-1557), navegante bretón descubridor do Canadá para Francia; Jacques Bossuet (1627-1704), teólogo e escritor francés; James Cook (1728-1779), navegante inglés; Giacomo Puccini (1858-1924), compositor italiano; James Joyce (1882-1941), escritor irlandés en lingua inglesa.
Xaime Seixas (1915-1994), o Padre Seixas, natural de Santiago, sacerdote que oficiou a primeira misa en galego en Galicia desde a guerra civil, o 25 de xullo de 1965, e pioneiro na recuperación da onomástica galega coa súa obra 400 nomes galegos pra homes e mulleres (1977).
Xaime Quessada (1937-2007), pintor e gravador ourensán.
Xaime Illa Couto (1915-2012), avogado, economista e político galego, cofundador da editorial Galaxia (1950) e de SEPT, editorial católica galeguista; membro da RAG desde 1999.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Jaume | |
Español | Jaime | |
Éuscaro | Jakue | |
Francés | Jacques | |
James (forma antiga) | ||
Inglés | Jimmy (hip.) | |
Jim (hip.) | ||
James | ||
Italiano | Giacomo | |
Portugués | Jaime |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]