Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Sancho, Sancha
Personaxe histórico
Véxase Santos
Etimoloxía e historia
Do latín Sanctius, forma comparativa ou xentilicia de Sanctus 'máis santo' ou 'pertencente ou relativo a Sanctus'.
Motivación
Sen dúbida, o personaxe literario por excelencia que popularizou este nome foi Sancho Panza, o escudeiro e compañeiro de don Quixote na famosa novela de Cervantes, publicada en 1605.
Mais esta popularización foi bastante serodia, e cómpre salientar que Sancho e Sancha eran nomes bastante comúns na Idade Media que mesmo levaron monarcas galegos e galaico-leoneses, e tamén casteláns e portugueses.
Entre os primeiros, Sancho Ordóñez, fillo primoxénito de Ordoño II e da súa primeira muller, a galega Elvira Méndez, foi rei privativo de Galicia de 925 a 929. Non obstante, foi un monarca un tanto menosprezado pola historiografía tradicional, pois é esquecido ou confundido co seu homónimo Sancho I de León, varias décadas posterior. A falta de numeral quere explicarse porque nunca ocupou o trono na cidade de León. Sancho I o Craso gobernou o reino galaico-leonés en dous períodos: no primeiro (956-958) contou coa hostilidade de parte da poderosa nobreza galega, que o substituíu por Ordoño IV; no segundo (960-966) puido recuperar o trono co apoio de san Rosendo e da súa liñaxe.
Entre as mulleres rexias cómpre salientar a raíña dona Sancha (c. 1010-1067), irmá do rei galaico-leonés Vermudo III. Casou en 1032 con Fernando, conde de Castela, fillo de Sancho III o Maior de Navarra. O control do levantisco condado castelán, situado “in finibus Gallecie”, segundo a documentación da época, vai enfrontar a nobreza galaico-leonesa coa castelá apoiada polos navarros, e na batalla de Tamarón (1037) morre Vermudo III. A historiografía oficial quixo ver aquí o remate da dinastía galaica e o nacemento do reino de Castela, pero non foi así, pois quen accedeu ao trono como regina (raíña) foi Sancha, por ser irmá de Vermudo e filla de Afonso V, o monarca anterior. Posteriormente, Sancha deixaría o goberno en mans do seu marido, e conformouse con cogobernar con el. Que ela era a raíña legal próbano multitude de documentos; no Chronicon Compostelanum (séc. XII), ao falar da morte de Fernando I, di que reinara 27 anos xunto á súa esposa “a quen pertencía o reino”. Sancha I volvería ser a raíña titular á morte do seu home.
A raíña Sancha destacou polo seu apoio á cultura: promoveu a creación da Escola Catedralicia de Santiago, na que foi educado García, o seu fillo máis novo, e tamén se distinguiu como promotora e propietaria de códices. Na biblioteca da Universidade de Santiago consérvase o Libro de Horas que dona Sancha encargara por volta de 1054 para o seu marido. O seu fillo favorito era García e promoveuno como rei de Galicia, o reino máis rico e extenso na altura, pois polo sur chegaba a Coímbra.
Sancho II de Castela (1066-1072), fillo máis vello de Fernando I e Sancha I do reino de Gallaecia, correspondeulle en herdanza o condado de Castela -elevado á categoría de reino-, pero mostrouse desconforme, pois queríao todo, pola súa condición de primoxénito. Primeiro invadiu o reino de Galicia con engano; fixo prisioneiro o rei García e desterrouno á taifa de Sevilla. Despois fixo o mesmo con Afonso de León, que foi deportado á taifa de Toledo. Finalmente sería asasinado ás portas de Zamora -por un tal Bellido Dolfos, segundo a lenda- e Afonso faríase cos tres reinos.
Sancho tamén foi o nome do único fillo varón do rei Afonso VI de León, Galicia e Castela, que tivera da princesa moura Zaida, destinado a herdar os tres reinos. O infante morreu loitando contra un exército almorábide na batalla de Uclés (1108) aos trece anos e, segundo unha lenda histórica de longo percorrido -que recolleu o cronista Prudencio de Sandoval (séc. XVII)-, o pranto espontáneo do desconsolado monarca foi en lingua galega (“Ay, meu fillo, alegría do meu coraçón, lume dos meus ollos, solaz da miña velleçe! Ay, meu herdeyro maior!”). O propio Menéndez Pidal recoñecía que naquela altura o idioma falado en León era “máis semellante ao galego que ao castelán”.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Sanç | Sança |
Español | Sancho | Sancha |
Éuscaro | Santzo | Santzia |
Santxo | Santxa | |
Santso | Santsa | |
Antxo | ||
Antso | Antsa | |
Francés | Sancius | |
Sanche | ||
Sancho | ||
Inglés | Sancho | |
Sancius | ||
Italiano | Sanzio | |
Portugués | Sancho | Sancha |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]