Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Salvador
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Salvador:
Hipocorísticos
Másculinos Salva
Etimoloxía e historia
A palabra latina salvator, -oris, 'salvador, libertador, redentor', naceu nos ambientes cristiáns nos primeiros séculos; máis que un simple atributo de Cristo quería ser unha interpretación do nome Xesús. San Mateu conta no Evanxeo que o anxo que se lle apareceu a san Xosé lle dixo que lle puxese Xesús ao meniño que concibise María porque había de salvar o seu pobo do pecado. E así, no ambiente dos xudeos helenísticos o hebreo Yexu', que en realidade é unha forma abreviada de Ye`oxu' 'Deus é a salvación', interpretouse como derivado directo da raíz yaxa' 'el salvou', 'que salva, salvador'. Pero en latín non tiñan unha palabra para expresar este concepto ata que na época cristiá ao latín salvus se lle deu un novo valor espiritual e se comezou a usar o adxectivo salvator referido a Cristo.
Motivación
San Salvador (século XVI) foi un leigo franciscano do convento de Horta (Tarragona).
En San Salvador de Poio hai un lugar, Portosanto, onde a tradición secular sinala unha casa como a de Cristovo Colón, unha das argumentacións polas que se defende a orixe galega do navegante. De feito, San Salvador foi o primeiro nome que puxo o almirante a un lugar do novo Continente. A hipótese do berce galego de Colón defendeuna en 1898 o pontevedrés Celso García de la Riega, e aínda hoxe segue viva.
Chamáronse así
O pintor catalán Salvador Dalí (1904-1978) e o presidente chileno Salvador Allende (1908-1973).
Entre os galegos lembramos os seguintes: Salvador Golpe Varela (1850-1909), natural de Oza dos Ríos, xornalista, escritor e político, un dos impulsores do movemento agrario Solidaridad Gallega, cofundador da RAG e un dos seus primeiros membros numerarios. Salvador Cabeza de León (1864-1934), natural de Betanzos, membro das Irmandades da Fala, cofundador do coro Cantigas e Agarimos de Santiago (1921) e presidente do Seminario de Estudos Galegos de 1925 ata a súa morte. Salvador Mosteiro Pena (1896-1982), tamén betanceiro, odontólogo de profesión (anunciaba a súa consulta en galego na revista Nós), foi o autor do Vocabulario castellano-gallego das Irmandades (1916). O coruñés Salvador de Madariaga (1886-1978), diplomático, historiador e escritor en castelán, foi ministro de Instrución Pública e de Xustiza durante a II República, en 1934; tivo que se exiliar ao inicio da guerra civil española. Polo seu pacifismo, foi proposto en nove ocasións para o Premio Nobel da Paz. Salvador Lorenzana foi un dos pseudónimos que utilizou o escritor galego Francisco Fernández del Riego.
Salvador García-Bodaño Zunzunegui (Vigo 1935-Teo 2023) cultivou exclusivamente a poesía en lingua galega e está considerado membro da xeración das Festas Minervais. Foi elixido membro numerario da Real Academia Galega en 1992, institución da que foi vicesecretario de 2001 a 2009. Con anterioridade, participara en moitas iniciativas a favor da lingua e cultura galegas.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Salvador | |
Español | Salvador | Salvadora |
Éuscaro | Salbatore | |
Gaizka | Gaizkane | |
Francés | Sauvaire | |
Sauveur | ||
Italiano | Salvatore | |
Portugués | Salvador |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Salvador
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]