Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Salomón
masculino
Nome bíblico
Etimoloxía e historia
Do hebreo Xelômôh, a través do latín eclesiástico Salomon 'amante da paz, feliz', de xâlôm 'paz, saúde, felicidade'. De aquí procede tamén o nome persoal árabe e turco Sulaymân (Solimán).
Motivación
No Antigo Testamento, Salomón, fillo de David e Betsabé, foi o terceiro dos reis de Israel. Reinou catro décadas, entre o 965 e o 928 a. C. Aínda que a súa ascensión ao trono estivo precedida do asasinato do seu irmán maior, Adonías, e do sacerdote Abiatar que o apoiaba, Salomón non foi un rei guerreiro como o seu pai, pois preferiu pactar con poderosos monarcas veciños, como Hirán de Tiro e o faraón de Exipto. Deixou sona pola súa sabedoría (lémbrese o famoso “xuízo de Salomón”), pero ao final do seu reinado tamén cometeu flagrantes inxustizas, por iso os profetas anunciáronlle que en castigo o reino se dividiría á súa morte, como así foi (a causa parece ser que fora dar preferencia á obtención de riquezas fronte ao culto a Iavé). Mandou construír murallas arredor de Xerusalén e tamén o famoso templo que levou o seu nome.
Atribúenselle tres libros da Biblia: o Cantar dos cantares, os Proverbios e o Libro do Eclesiastés. Un dos episodios máis coñecidos da súa vida foi a súa relación coa raíña de Saba; na tradición da Igrexa ortodoxa etíope asegúrase que tivo un fillo con ela, chamado Menelik I, que sería o futuro rei de Etiopía. O filme de 1959 Solomon and Sheba (“Salomón e a raíña de Saba”), de King Vidor, fixo popular esta hipotética relación sentimental.
Chamáronse así
O poeta e filósofo hispanoxudeu Ibn Gabirol (1020-1058) ou Avicebrón (na súa forma latinada) chamábase en realidade en hebreo Shlomo ibn Yehuda ibn Gabirol. As súas ideas cosmolóxicas e metafísicas, coñecidas a través de versións latinas, foron defendidas ou rebatidas por unha restra grande de filósofos europeos posteriores.
Noutra orde de cousas, as illas Salomón do océano Pacífico foron descubertas en 1586 polo navegante galego Álvaro de Mendaña; el bautizounas con outros nomes, pero finalmente acaboulles quedando o nome actual polo desexo que moitos conquistadores españois da América tiñan de atopar en oriente as minas do rei Salomón.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Salomon | |
Árabe | Suliman | |
Sulaiman | ||
Bretón | Salaun | |
Catalán | Salomó | |
Español | Salomón | |
Éuscaro | Salomon | |
Francés | Salomon | |
Inglés | Solomon | |
Italiano | Salomone | |
Portugués | Salomão | |
Romanés | Solomon | |
Ruso | Solomon |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Salomón
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]