Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Saleta
feminino
Nome cristián
Pronuncia
Saleta:
Etimoloxía e historia
Do topónimo francés Salette, diminutivo de Sale, que ten a mesma orixe có galego Sa (ou Saa), o xermánico *sala, de significado dubidoso, quizais ‘casa importante’.
Motivación
Nome derivado dun santuario en honor á Virxe situado na vila francesa de La Salette-Fallavaux, na rexión do Ródano-Alpes. As súas orixes están nunhas supostas aparicións da Virxe María neste lugar, o 19 de setembro de 1846, a dous pastores de 15 e 11 anos, respectivamente. Segundo estes rapaces, a Virxe dirixírase a eles en francés e tamén en occitano (idioma non oficial), e confioulles uns segredos que o bispo de Grenoble lle enviou ao papa Pío IX en 1851. Cinco anos despois o papa recoñecía a autenticidade das aparicións e aprobaba a devoción á Nosa Señora da Saleta. Anos despois, a 1880 m de altitude, construíuse un gran santuario que se converteu nun lugar de peregrinación. Estas aparicións gardan moita semellanza coas de Lurdes que terían lugar en 1858, tan só doce anos despois. En París tamén se construiría, entre 1963 e 1965, un gran templo dedicado a Nôtre Dame de La Salette.
En Galicia réndese culto á Nosa Señora da Saleta nos concellos de Coristanco, Silleda, Boborás e San Cristovo de Cea.
Chamáronse así
Salette Tavares (1922-1988), escritora, poeta e ensaísta portuguesa, coñecida principalmente pola súa poesía visual.
Saleta Goi García (1932-2022), libreira, presidenta desde 2007 da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, sita desde 2013 en Outeiro de Rei, na casa natal do escritor, convertida en museo.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Salette | |
Catalán | Saleta | |
Español | Saleta | |
Francés | Salette | |
Inglés | Salette | |
Italiano | Saletta | |
Portugués | Salete |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Saleta
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]