Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Vasco
masculino
Etimoloxía e historia
De orixe escura, talvez ibérica, ou relacionada co vasco bela 'corvo', cunha terminación ibérica. Tense interpretado tamén como procedente do éuscaro Belasko, onde o radical bel- significa 'o máis baixo da ladeira'; -as- é un infixo abundancial de vexetación, polo que belas- é 'prado nas ladeiras baixas dun monte'; o sufixo -ko indica procedencia. De aquí deriva o apelido galego Vázquez, que corresponde ao castelán Velázquez.
Motivación
Na Idade Media era un nome bastante frecuente; así se chamaban, por exemplo, os poetas medievais galegos Vasco Martíns e Vasco Rodríguez de Calvelo (século XIII). O bispo de Ourense Vasco Pérez Mariño (c. 1275-1343) foi quen regalou á catedral de San Martiño desta cidade o famoso Cristo, semellante ao existente na igrexa parroquial de Fisterra, onde tiña posesións a súa familia.
Xa a finais da Idade Media e a principios da Moderna cómpre salientar a figura de Vasco da Ponte (c. 1470-c.1535), cronista e xenealoxista autor do Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia, que constitúe unha das fontes bibliográficas sobranceiras para o estudo da nobreza galega da súa época. O historiador Benito Vicetto rescatou esta obra —escrita en castelán, pero inzada de galeguismos (do que se deduce que o autor era galegofalante)— e publicouna por vez primeira en 1872. Vasco da Ponte —ás veces escrito “de Aponte”— estivo ao servizo dos condes de Andrade, vivía na cidade da Coruña e dubídase se naceu en Pontedeume ou na aldea de Ponte (Arteixo).
Chamáronse así
Foron contemporáneos do xenealoxista galego o navegante portugués Vasco da Gama (c. 1469-1524), que en 1498 descubriu a ruta da India bordeando o sur de África, e o estremeño Vasco Núñez de Balboa (1475-1519), descubridor do océano Pacífico en 1510.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Velasc | |
Español | Velasco | |
Blasco | ||
Éuscaro | Berasko | |
Portugués | Vasco |
Antes e despois de Vasco
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]