Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Tito
masculino
Personaxe histórico
Véxase Tatiana
Etimoloxía e historia
Do latín Titus, un dos máis antigos e difundidos dos poucos prenomes usados polos romanos. Ten esta forma orixe discutida: quizais sexa o nome común latino titus 'pombo bravo' ou, se cadra mellor, un nome nacido das formas cariñosas infantís, como Tatius (lémbrense formas como mamá, papá, ou os diminutivos de certos nomes: Totó, Teté, Tití). Nos dialectos itálicos afíns ao latín son frecuentes os nomes xentilicios do tipo Titia, Titina, e en etrusco non faltan nomes persoais do tipo Tétina, Tetus e semellantes. Hoxe Tito considérase tamén hipocorístico de diversos nomes galegos.
Motivación
Na historia mítica das orixes de Roma, Tito Tacio era o rei dos sabinos cando aconteceu o episodio do rapto das sabinas; compartiu o poder con Rómulo tras a fusión dos dous pobos.
Tamén na antiga Roma, o historiador Tito Livio (59 a. C.-17 d. C.) escribiu, de forma novelada, a máis extensa historia de Roma (Ab Urbe condita) en 142 libros.
Foi tamén nome de dous emperadores romanos: Tito Flavio Vespasiano (69-79), iniciador na Urbe do grande anfiteatro chamado o Coliseo (na súa época fixéronse moitas obras nas vías romanas da Gallaecia); Tito Flavio Sabino Vespasiano, fillo do anterior, só gobernou dous anos (79-81); durante o mandato do seu pai dirixira a destrución de Xerusalén (ano 70); xa no goberno, rematou e inaugurou o Coliseo con cen días de espectáculos. Os seus amores coa filla de Herodes Agripa, Berenice, e mais a súa lendaria bondade converterían o emperador Tito en protagonista de famosas obras dramáticas da literatura europea, como a traxedia Berenice, de Racine, e a comedia Tito e Berenice, de Corneille, as dúas estreadas en 1670.
Tamén se chamou así un amigo de san Paulo, a quen acompañou nunha viaxe a Xerusalén; tiña sona de pacificador e diplomático; no Novo Testamento figura unha carta a Tito, mais non é seguro que sexa paulina.
Chamáronse así
O sobrenome ou alcuña do líder comunista croata Josip Broz ‘Tito’ (1892-1980), o mariscal Tito, xefe de Estado de Iugoslavia desde o final da segunda guerra mundial á súa morte, seica procedía da locución serbocrata “ti-to” (‘ti isto’) coa que impartía ordes aos seus homes.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Titus | |
Catalán | Titus | |
Español | Tito | |
Éuscaro | Tito | |
Inglés | Titus | |
Italiano | Tito | |
Portugués | Tito | |
Romanés | Titus | |
Ruso | Tit |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]