Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Suevia
feminino
Nome literario
Pronuncia
Suevia:
Etimoloxía e historia
Do latín Suevia, a patria dos suevos.
Motivación
Os suevos, pobo xermano, talvez orixinario de Suabia, asentáronse contra o ano 409 na zona occidental da provincia romana da Gallaecia ao mando do seu rei Hermerico, que pactara un foedus (‘tratado’) co emperador romano Honorio. A provincia pasaría a ter rango de reino, de xeito que se convertería no primeiro Estado independente da Europa medieval tras a desmembración do Imperio romano. Aínda que o seu territorio non comprendía todo o territorio da Gallaecia romana —excluía boa parte da zona oriental—, en compensación incorporou polo sur a Lusitania ata o río Texo. Para darlle nome, na documentación alternábase Regnum Sueborum ‘reino dos suevos’ con Galliciense regnum ‘reino da Gallaecia’; así o denominou no século VI Gregorio de Tours na súa Historia dos francos. O reino “galaico-suevo” durou 176 anos, do 409 ao 585, data en que foi incorporado por Leovexildo ao reino visigodo, pero aínda así a Gallaecia sueva conservaría a súa identidade e certa autonomía como provincia visigoda, como o proban as constantes referencias a ela do bispo Isidoro de Sevilla.
As principais fontes históricas para a irrupción dos suevos na Gallaecia proceden de dous escritores galaicorromanos: Hidacio de Chaves e Paulo Orosio. Teñen visións distintas: o primeiro narra a invasión de maneira arrepiante, pois ve nela a desfeita do seu mundo, intensamente romanizado (considera os invasores “falaces e pérfidos”). En cambio, o segundo é un tanto contraditorio, pois aínda que fuxira ao norte de África debido á invasión sueva, mesmo chega a afirmar que aquela fora unha época chea de felicidade.
Moitos anos despois, contra o 550, cando veu á Gallaecia desde Constantinopla o monxe Martiño Dumiense facer apostolado, o cisma entre o poder suevo e a nobreza galaica xa estaba superado.
O poeta Eduardo Pondal empregou o nome de Suevia como alusión a Galicia.
Como metáfora de Galicia, Suevia deu nome, na década de 1910, a revistas culturais galegas da Habana, Buenos Aires e Santiago de Compostela. Por outra parte, o vigués Cesáreo González denominou Suevia Films a súa produtora cinematográfica, a principal da posguerra en España.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]