Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Raimunda, Raimundo
Nome cristián
Pronuncia
Raimunda:
Raimundo:
Variantes
Masculinas Reimundo
Etimoloxía e historia
Antigo nome de orixe xermánica, atestado en documentos galegos desde o século VIII, como Regimundus, Reimundus ou Raimundo, composto polas raíces góticas ragin ‘consello, decisión, resolución’ e mund ‘man; protección’.
Este nome deu lugar aos topónimos Remonde, Reimonde e Ramonde e ós apelidos Reimúndez, Reimóndez e Raimúndez.
Motivación
San Raimundo de Penyafort naceu en 1175 no castelo deste nome, preto de Vilafranca del Penedès (Cataluña), de familia catalá nobre. Estudou en Boloña (Italia) e foi profesor de dereito desta universidade. Faleceu case centenario.
San Raimundo ou san Ramón Nonato (século XIII) naceu en Portell (Lleida). O sobrenome de Nonato débese a que a súa nai morreu antes de el nacer e houbo que lle facer a cesárea ao cadáver. Unha vez canonizado acabaríase convertendo en protector das mulleres embarazadas para ter un bo parto. Foi un dos primeiros mercedarios e viaxou por África para redimir cativos.
Aínda que se rexistra o nome en textos galegos do ano 1031, o certo é que a presenza do nobre borgoñón Raimundo de Borgoña en Galicia a finais do século XI lle debeu dar un bo pulo. Este nobre —irmán do poderoso monxe de Cluny Guido de Borgoña, futuro papa Calisto II— acudiu en 1087 á Península Ibérica para loitar contra os almorábides. O rei Afonso VI de León, Galicia e Castela casouno coa súa filla máis vella, Orraca, e confioulles a ambos o goberno do reino de Galicia, de Ortegal a Coímbra, como condes. Finou en 1109. O seu fillo Afonso Raimúndez (futuro Afonso VII, nado en Caldas de Reis) sería o primeiro monarca da dinastía borgoñoa nos tres reinos citados.
Chamáronse así
O filósofo mallorquín Raimundo ou Raimon Llul (1235-1315), escritor en latín, catalán e árabe.
Raimundo García Domínguez (1916-2003), coñecido como ‘Borobó’, xornalista e escritor, sobre todo pola súa etapa como director do diario compostelán La Noche, onde deu cabida a novos escritores galegos que acabarían sendo coñecidos como a Xeración de La Noche.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Reimund | |
Raimund | Raimunde | |
Catalán | Raimond | |
Español | Raimundo | |
Éuscaro | Raimundo | |
Erraimun | Erraimunde | |
Francés | Raymond | |
Inglés | Ray (hip.) | |
Raymond | ||
Italiano | Raimondo | |
Portugués | Raimundo | Raimunda |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]