Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Ramiro
masculino
Personaxe histórico
Pronuncia
Ramiro:
Variantes
Masculinas Ramilo
Hipocorísticos
Másculinos Miro
Etimoloxía e historia
En textos latinos medievais posteriores ao século VI, o nome Ramiro documéntase como Ranemirus, Ranmirus e Ranimirus. Pouco despois empeza a aparecer a forma abreviada Ramirus. É un composto formado por unha raíz gótica ran, de orixe pouco clara, quizais *rana ‘fociño de xabaril’ ou *rahna ‘roubo, rapina’; a segunda raíz e o gótico mêereis ‘famoso, célebre’.
Motivación
Levaron este nome tres reis cristiáns altomedievais do noroeste da Península Ibérica, que a historiografía oficial española ditaminou como reis de Asturias primeiro e despois de León, pero que nos documentos históricos aparecen maiormente como monarcas do reino de Galicia (Gallaeciensis rex; rex in Galezia), primeiro coa corte en Oviedo e despois en León ata preto do século XII. Como no caso doutros reis da Alta Idade Media (Afonso, Froila, Ordoño, Vermudo) podemos denominalos convencionalmente “reis ástur-galaicos” e “reis galaico-leoneses”.
Ramiro I (842-850) sucedeu a Afonso II grazas ao apoio dun exército galego e reinou desde Oviedo, onde residía a corte real. A el atribúeselle a institución do Voto a Santiago, xustificado pola mitificada batalla de Clavijo —que non documentan nin as crónicas cristiás nin as árabes— en que, segundo a lenda, apareceu o apóstolo Santiago a cabalo para loitar contra o exército musulmán. Foi o primeiro soberano galaico en organizar a defensa do reino ante as incursións dos viquingos, que asolaron as costas no ano 844. Neste ano os “nordomanni” (‘homes do norte’: normandos) atacaron Xixón e o Farum Brigantium (A Coruña); mais o monarca conseguiu expulsalos co apoio da nobreza. Ramiro I tamén pasou á historia polo seu apoio ás artes; na capital do reino, Oviedo, mandou construír obras arquitectónicas de gran mérito, como o pazo real de Naranco ou a igrexa de San Miguel de Lillo; por el recibirían a denominación de “arte ramirense”.
Ramiro II, terceiro fillo de Ordoño II e da galega Elvira Méndez, recibiu primeiro o goberno de terras portuguesas da man do seu irmán máis vello Sancho Ordóñez, rei privativo de Galicia. Á morte deste, foi coroado en Zamora como rei privativo de Galicia (929) e, andando o tempo, despois de moitas loitas co seu irmán Afonso IV e outros pretendentes, tamén accedería ao trono da totalidade do reino de Gallaecia (931-951), con capital en León. Para os seus contemporáneos, era o “rei dos galegos”, tanto para os cronistas musulmáns do Al-Andalus, como para os cristiáns europeos (o historiador lombardo Liutprando de Cremona refírese a el como “o cristianísimo rei de Galicia”). Casou con Adosinda Gotérrez, curmá súa, para reforzar o vínculo coa poderosa nobreza galega.
Estendeu o reino galaico-leonés cara ao sur e venceu o poderoso califa de Córdoba Abderramán III nas batallas de Magerit (Madrid), Osma e, sobre todo, Simancas, onde freou o avance andalusí cara ao norte. Por esta vitoria será coñecido na historia como Ramiro II O Grande (ou O Invicto), e, polo seu xenio militar, foi admirado por cronistas dos reinos cristiáns europeos. Non obstante, buscou a paz co mundo musulmán e chegou a bos acordos co califa cordobés, que garantiron as fronteiras do reino da Gallaecia (Yillikiah para os musulmáns do Al-Andalus), segundo os documentos da época. Os seus anos de goberno tamén estiveron marcados polo conflito interno entre o partido galego e o partido castelán do seu reino, de ansias secesionistas. Tivo que sufocar, no ano 944, a rebelión do mitificado (pola historiografía española) conde castelán Fernán González, que pretendía a independencia do condado de Castela.
Ramiro III (966-985), fillo de Sancho I o Craso, foi un dos reis que máis desleixo mostrou cara a Galicia. Este distanciamento xa viña da oposición da poderosa nobreza galega ao seu pai. Por unhas cousas ou por outras Gonzalo Méndez e outros condes galegos acabaron apoiando para o trono leonés a Vermudo, fillo de Ordoño III, que será o primeiro rei coroado e unxido na catedral de Santiago. Ramiro III e Vermudo II reinarán asemade de 982 a 985, o primeiro na parte oriental (León e Castela) e o segundo na occidental (Galicia e Portugal). Nesta época foi cando o xeneral musulmán Almanzor iniciou as súas primeiras ceifas polo val do Douro.
Chamáronse así
O comerciante e siluetista galego Ramiro Díaz Baliño (1902-1973) e o escritor galego Ramiro Fonte (1957-2008).
Ramiro Illa Couto (1896-1987), empresario e dinamizador cultural da emigración galega na década de 1920 en Arxentina e en México tras o seu exilio en 1936; de volta en Galicia, a partir de 1956 colaborou co grupo Galaxia na recuperación da cultura galega.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Ramir | |
Español | Ramiro | |
Italiano | Ramiro | |
Portugués | Ramiro |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]