Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Máximo, Máxima
Nome cristián
Pronuncia
Máximo:
Etimoloxía e historia
Do nome latino Maximus, alcume xa difuso na época antiga de Roma que, en orixe, indicaba 'o fillo máis vello' de entre varios irmáns. A etimoloxía do nome está en maximus, superlativo irregular de magnus 'grande'.
Motivación
Máximo (Magnus Maximus) foi emperador do Imperio romano de Occidente de 383 a 388. Era de orixe hispana, posiblemente da Gallaecia. Os exércitos de Britania proclamárono emperador, fronte a Graciano, pero foi considerado un usurpador. No ano 387 apoderouse de Italia e enfrontouse despois a Teodosio (tamén galaico), que o venceu e mandou executar. Durante o curto goberno de Máximo tivo lugar a execución do bispo galaico Prisciliano en Tréveris (Alemaña), no ano 386. O xuízo e posterior execución deste reformador relixioso foron para algúns case unha disputa interna entre galaicos, pois ademais de Máximo ao parecer tamén era da Gallaecia o papa san Dámaso; en todo caso, os dous foron hostís ao bispo considerado herético. Por outra banda, en Gran Bretaña, na historia mítica do País de Gales dáselle ao emperador Máximo o papel de “pai fundador” de varias dinastías reais galesas, porque casara cunha britona chamada Helen e conseguira como regalo de voda a soberanía política do seu pobo.
Houbo varios santos con este nome: o bispo san Máximo de Xerusalén (século IV); san Máximo o Confesor (c. 580-662), secretario do emperador de Oriente Heraclio; san Máximo o Grego (século XVI), monxe do monte Athos que foi chamado en 1516 a Moscova como tradutor do grego ao eslavo.
Así mesmo, tamén se citan varias santas co nome de Máxima, todas mártires: unha martirizada con santa Bríxida, outra en Frejus (Occitania) e outra en Lisboa.
Chamáronse así
O escritor ruso Maxim Gorki, pseudónimo de Aleksei M. Peskov (1868-1936) e o artista alemán, nacionalizado francés, Max Ernst (1891-1976).
En Galicia lembramos o pintor e gravador ferrolán Máximo Ramos (1880-1944).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Maximus | |
Catalán | Màxim | Màxima |
Español | Máximo | Máxima |
Éuscaro | Maksim | |
Maximo | Maxima | |
Francés | Maxime | |
Italiano | Massimo | Massima |
Portugués | Máximo | Máxima |
Romanés | Maxim | |
Ruso | Maxim |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Máximo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]