Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Gómez
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Antigo nome xermánico, moi frecuente na Idade Media, que procede da raíz gótica guma ‘home’.
Motivación
Como García ou Sueiro, Gómez era un nome propio masculino normal na Idade Media e en boa parte da Moderna. Mesmo foi nome de estirpe de familias fidalgas, como a dos Rioboo do Allo, na Terra de Soneira, que o conservaron ininterrompidamente como primeiro ou segundo nome durante máis de trescentos anos: de Gómez de Rioboo Vilardefrancos (nacido contra 1430) a Gómez Antonio de Rioboo e Seixas (1670-1742). Un dos seus membros, Afonso Gómez de Rioboo Vilardefrancos o Vello, foi o primeiro construtor das Torres do Allo (Zas), a principios do século XVI, considerado o pazo máis antigo de Galicia que se conserva.
Tamén foi nome de estirpe para os Pérez das Mariñas, nobres das Mariñas betanceiras e coruñesas. Gómez Pérez das Mariñas I (século XV) loitou contra os irmandiños (1467) e despois contra o arcebispo Alonso II de Fonseca a favor do conde de Altamira (1471). Gómez Pérez das Mariñas II era neto do anterior e o III era sobriño do II e bisneto do I; viviu no século XVI e participou na batalla de San Quintín (1557) no exército de Filipe II de España. Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, natural de Viveiro (1539), foi gobernador das illas Filipinas, onde fundou a cidade de Dasmariñas, hoxe capital da provincia de Cavite.
Finalmente, hai outro Gómez Pérez das Mariñas, navegante galego do século XVI, que explorou, por encargo do vicerrei de Nova España, as costas da Alta California.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Éuscaro | Gometz |
Antes e despois de Gómez
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]