Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Gonzalo
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Gonzalo:
Hipocorísticos
Másculinos Chalo, Zalo
Etimoloxía e historia
Antigo nome que se rexistra na documentación galega con moita frecuencia desde o século VIII. Ten orixe xermánica, e está composto polas raíces góticas *gunthi ‘loita’ e salvus, terminación de nomes masculinos de orixe descoñecida. Deste nome procede o actual apelido González.
Motivación
Conta a lenda que San Gonzalo de Mondoñedo, ou Gonzalo Arias, bispo desta diocese (séculos IX-X), logrou desatar coas súas oracións unha violenta tempestade contra os barcos piratas do duque Ricardo I de Normandía, prestos a desembarcar nas costas da Mariña luguesa. A cada oración do chamado “bispo santo” afundíase un barco. Sobre este santo hai un fermoso libro de Álvaro Cunqueiro (San Gonzalo) inspirado en pasaxes da Romeiría de Xelmírez de Ramón Otero Pedrayo.
San Gonzalo de Amarante (1186-1259) deixou temporalmente a súa parroquia de San Paio de Braga para peregrinar a Roma e a Xerusalén; á volta dedicouse á vida eremítica en Amarante.
Foron monxes de mosteiros galegos os beatos Gonzalo de Oseira (século XIII) e Gonzalo de Aciveiro (século XV).
Chamáronse así
Os escritores galegos Gonzalo López Abente (1878-1963), en lingua galega (homenaxeado co Día das Letras Galegas de 1971), e Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999), en lingua castelá.
O navegante pontevedrés Gonzalo García de Nodal, xunto co seu irmán Bartolomeu, levou a cabo entre 1618 e 1619 unha expedición marítima para explorar a Terra de Fogo, a illa ao sur do estreito de Magalhães; hai quen afirma que foron os irmáns Nodal os que denominaron “río Gallegos” o río máis austral da Patagonia arxentina —na súa desembocadura nacería a cidade de Río Gallegos, capital da provincia de Santa Cruz—, e tamén descubriron a illa de Diego Ramírez, a terra americana máis austral.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Gonçal | |
Español | Gonzalo | |
Éuscaro | Untzalu | |
Ontzalu | ||
Gontzal | ||
Portugués | Gonçalo |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Gonzalo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]