Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Gregorio, Gregoria
Nome cristián
Pronuncia
Gregorio:
Gregoria:
Hipocorísticos
Másculinos Goro, Goros; Goriño, Gorecho
Femininos Goriña, Gorecha
Etimoloxía e historia
Do nome latino Gregorius, tomado do grego Grēgórios, derivado do adxectivo grḗgoros 'que observa', 'que vixía'.
Motivación
San Gregorio Nacianceno (c. 330-c. 390), patriarca de Constantinopla, foi un dos catro padres e doutores da Igrexa grega; natural de Nizancio formou con san Basilio de Cesarea e con san Gregorio de Nisa o grupo dos tres grandes capadocios que promoveron a teoloxía trinitaria.
San Gregorio de Nisa (c. 335-c. 394), bispo desta cidade, tamén foi doutor da Igrexa grega.
San Gregorio de Tours (c. 538-c. 594) naceu na Auvernia. Foi elixido bispo da cidade franca de Tours no ano 573. Ademais de escribir varias haxiografías distinguiuse como cronista histórico, sobre todo pola súa Historia dos francos, en que se refire en diversas ocasións a acontecementos que tiveron lugar no reino galaico dos suevos —por el denominado Galliciense regnum (‘reino da Gallaecia’)—, tales como a pegada deixada por san Martiño de Dumio no país ou o reinado de Miro coa súa derrota fronte ao visigodo Leovexildo. Unha das súas fontes foron as antigas crónicas do historiador galaicorromano Paulo Orosio (séculos IV-V).
Houbo dezaseis papas con este nome, dos que salientamos estes tres:
San Gregorio I o Magno (c. 540-604) é un dos padres da Igrexa latina. Elixido papa en 590, afirmou a primacía da Igrexa de Roma fronte ao patriarca de Constantinopla; codificou o que por el se chamaría canto gregoriano, o oficial da Igrexa latina, que substituíu o anterior canto ambrosiano, de sabor oriental.
San Gregorio VII (século XI), monxe de nome Hildebrando que tentou impoñer a teocracia para poder depoñer reis e emperadores, foi o papa da querela das investiduras.
Gregorio XIII (1572-1585) promoveu a reforma do calendario, que por el se denominaría calendario gregoriano, o actual, que establece a duración do ano en 365 días e 6 horas.
Chamáronse así
Gregorio Couto, autor do Entremés de Bora, sainete do século XVIII dado a coñecer en 1949 por F. Bouza-Brey.
No mundo da arte, o escultor de orixe galega Gregorio Fernández (Sarria 1576 - Valladolid 1636), o máximo representante da escultura barroca castelá. Trasladado a Valladolid —onde daquela se establecera a corte real— contra o 1600, desenvolveu nesta cidade a maior parte da súa obra artística; a colección máis sobranceira atópase no Museo Nacional de Escultura de Valladolid. Gregorio Ferro Requeixo (1742-1812), natural de Lamas (Boqueixón), o máis importante pintor neoclásico galego; en 1781 foi elixido académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando; en 1788 foi nomeado Tenente Director desta Academia en substitución de Francisco Bayeu, e, en 1791 pasou a ser o seu Director de Pintura tras a renuncia de Francisco de Goya. Realizou moitas obras nos palacios reais de Madrid e Aranjuez. En Galicia só ten obras menores.
Gregorio Marañón (1887-1960), médico español.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Gregor | |
Bretón | Gregor | |
Catalán | Gregori | |
Español | Goyo | |
Gregorio | Gregoria | |
Éuscaro | Gregorio | Gregoria |
Gergori | Gergore | |
Francés | Grégoire | |
Holandés | Gregh | |
Inglés | Gregory | |
Italiano | Gregorio | |
Portugués | Gregório | Gregória |
Romanés | Grigore | |
Ruso | Grisha | |
Grigorii |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]