Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Franqueira
feminino
Nome cristián
Etimoloxía e historia
Posiblemente relacionado con francos, quizais como resultado dunha antiga colonización.
Motivación
A devoción á Virxe da Franqueira (A Caniza), nas comarcas miñotas da Paradanta e do Condado, é das máis antigas de Galicia, pois remóntase ó século VI. O seu santuario xa existía no século X. Segundo a lenda, unha pastora viu unhas luces nun dos cumes dos montes da Paradanta; os veciños foron alí e descubriron unha imaxe da Virxe debaixo dunhas pedras.
Conta con dúas romaxes: unha o luns da Pentecoste, de ámbito comarcal, á que asisten por camiños e estradas procesións das parroquias das bisbarras da redonda, que levan a imaxe da virxe ou do santo de maior devoción da cada freguesía; a outra, a gran festa da Franqueira, celébrase o 8 de setembro, e a ela asisten romeiros de moito máis lonxe, incluído o norte de Portugal.
Contribuíu a revitalizar estas romarías na década de 1920 o poeta Ramón Cabanillas, que daquela residía no balneario de Mondariz, e desde alí fora de romeiro acompañando a procesión da imaxe da Virxe de Lurdes ao encontro con outras imaxes que tamén se levaban ao santuario desde as parroquias da redonda. O vate cambadés publicou en 1926 unha colección de 28 coplas titulada “Romance de Nosa Señora da Franqueira. Cantigas de andar camiño", e, en 1927, volvería publicar “As romaxes de Nosa Señora da Franqueira. Apuntes dun ofrecido”.
Recentemente, en 2021, o profesor galeguista xaponés Takekazu Asaka traduciu ao seu idioma e publicou 32 cantigas de andar camiño de Cabanillas (As romaxes da Franqueira); con esta iniciativa a sona das romaxes á Virxe da Franqueira traspasa continentes e océanos e chega a onde nunca ninguén imaxinara: ao Xapón, o país do sol nacente, a máis afastado dos países asiáticos.
Chamáronse así
Maior Franqueira de Castiñeira, fidalga soneirá do primeiro terzo do século XVII, muller de Afonso II de Lema de Berdoias (Vimianzo), fundadores dos vínculos de Berdoias e Boallo. O feito de que esta señora portase este nome nun lugar tan distante da zona miñota indica a popularidade que xa tiña na época esta advocación mariana por boa parte de Galicia.
Antes e despois de Franqueira
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]