Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Francisco, Francisca
Nome cristián
Pronuncia
Francisco:
Francisca:
Hipocorísticos
Másculinos Farruco, Fuco, Paco, Pacucho, Pancho, Panchulo, Pucho, Cholo, Chuco, Pachico, Pachuco, Chicolo, Quico, Xico, Cisco, Chicho, Chisco, Fran, Francucho, C
Femininos Farruca, Paca, Paquiña, Pacucha, Pancha, Pucha, Quica, Fuca, Fica, Sisca
Etimoloxía e historia
Do latín serodio franciscus, adxectivo étnico adaptación do xermánico *frankisk, que significaba 'franco, propio dos francos'; ao pasar o tempo, tras a fusión étnica entre os francos conquistadores e a poboación orixinaria galorrománica, franciscus pasou a indicar xa non 'franco', senón 'francés'. Como outros adxectivos étnicos (Xermano, por exemplo), pasou a usarse tamén como nome persoal ou como sobrenome, se ben de maneira esporádica.
Motivación
O nome popularizouse por san Francisco de Asís, a quen a nai lle puxo Giovanni, pero o pai cambioulle o nome por Francesco por encontrarse en Francia no momento do seu nacemento (outros din que por ser franca a nai).
San Francisco de Asís (1182-1226), fillo dun rico comerciante desta cidade italiana, decidiu mudar a súa vida disipada e fundou unha orde mendicante á que lle deu o nome de Irmáns menores, que aprobou o papa Inocencio III. A esta orde dos despois chamados franciscanos engadiríase a das clarisas, fundada pola súa amiga Clara de Asís. Percorreu diversas partes de Europa, África e Oriente asiático como misioneiro. Sentiu no seu corpo as chagas de Cristo. Morreu na pequena igrexa da Porciúncula de Asís —despois integrada na basílica de Santa María dos Anxos— dándolle a benvida á irmá Morte cantando.
Na tradición cristiá hai moitos santos famosos que levan este nome.
Chamáronse así
Foi nome de reis de toda Europa, como Francisco I de Francia (1494-1547). Tamén de escritores como Francesco Petrarca (século XIV), italiano; François Rabelais (século XVI), francés; Franz Kafka (1883-1924), checo de fala alemá; François Mauriac (1885-1970), francés; ou de pintores como Francisco de Goya (1746-1828), español, e músicos como o húngaro Ferenc Liszt (século XIX).
O navegante galego Francisco Antonio Mourelle da Rúa (Corme 1750 - Cádiz 1820) foi o grande explorador do océano Pacífico, “á mesma altura que os capitáns Cook, Bougainville, Malaspina e La Perouse”, segundo o historiador norteamericano Donald C. Cutter.
Na cultura galega salientamos os escultores Francisco de Moure (Santiago 1575 - Monforte 1636), Francisco Asorey (Cambados 1889 - Santiago 1961) e os escritores Francisco Añón Paz (Outes 1812 - Madrid 1878), Día das Letras Galegas 1966, Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá 1913 - Vigo 2010), Día das Letras Galegas 2023 e a coruñesa Francisca Herrera Garrido (1869-1950), a primeira muller elixida membro numerario da Real Academia Galega (1945), pero que faleceu sen ler o discurso de ingreso e tomar posesión; dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1987.
Por outra parte, o xornalista e escritor Francisco Lanza Álvarez (Ribadeo 1892 - Buenos Aires 1951) escribiu na emigración arxentina obras sobre a súa vila natal e as biografías de dous mil galegos.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Franz | |
Bretón | Soaig (hip.) | |
Soa (hip.) | ||
Fransez | ||
Fanch | ||
Catalán | Xeca (hip.) | |
Xesc (hip.) | Xesca (hip.) | |
Cesc (hip.) | Cosca (hip.) | |
Francesc | Francesca | |
Español | Francisco | Francisca |
Éuscaro | Praisku (hip.) | |
Patziku | Patxika | |
Patxo (hip.) | Pantxa | |
Pantxiko (hip.) | Pantxika | |
Patxi (hip.) | Pantxike | |
Frantzes | ||
Frantses | ||
Frantzisko | Frantziska | |
Francés | François | Françoise |
Inglés | Frank (hip.) | |
Francis | Frances | |
Italiano | Francesco | Francesca |
Portugués | Francisco | Francisca |
Romanés | Francisc |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Francisco
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]