Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Froitoso
masculino
Nome cristián
Variantes
Masculinas Frutuoso
Etimoloxía e historia
Nome cristián-romano, do latín fructuosus 'fértil, frutífero'.
Motivación
San Froitoso de Braga ou de Montelios naceu a finais do século VI ou a principios do VII, posiblemente no Bierzo (que daquela formaba parte de Galicia). Segundo o seu biógrafo Valerio do Bierzo, era descendente dos reis visigodos. De mozo retirouse aos montes da comarca berciana para vivir coma un rigoroso ermitán. O seu modo de vida adquiriu sona e a rexión axiña se encheu de cenobitas e penitentes, de xeito que se acabaría convertendo na “Tebaida berciana”. Fundou no Bierzo varios mosteiros: no primeiro, o de Compludo, redactou a súa primeira regra monástica, moi ríxida. Continuou con novas fundacións conventuais nas provincias visigodas da Gallaecia e da Bética. Intentou despois peregrinar a Xerusalén, pero impediullo o rei Recesvinto, que o encerrou en Toledo.
O seu nomeamento como abade-bispo de Dumio (Braga) sacouno da prisión. No X Concilio de Toledo (656) foi elixido arcebispo de Braga e metropolitano de Galicia. Xa nesta cidade mandaría construír unha igrexa dedicada a san Salvador, que acabaría tomando o seu nome: San Froitoso de Montelios. Nela estivo enterrado o seu cadáver ata que en 1102 Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago, o desenterrase clandestinamente e o roubase xunto coas reliquias doutros tres santos —santa Susana, san Covade e san Silvestre— para a súa veneración na catedral compostelá. Foi o chamado “pío latrocinio” da Historia Compostelá. O santo bracarense segue recibindo culto en Santiago, pois é titular dunha parroquia urbana, cunha igrexa ergueita ao pé da praza do Obradoiro.
Houbo tamén un san Froitoso de Tarragona (século III), bispo desta cidade, onde morreu queimado vivo. O seu culto é dos máis antigos de Hispania (século VI).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Frustuós | |
Español | Fructuoso | Fructuosa |
Éuscaro | Oneretsu | |
Oneraspen | ||
Murtuts | ||
Fruktuoso | Fruktuosa | |
Portugués | Frutuoso |
Antes e despois de Froitoso
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]