Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Breogán
masculino
Nome literario
Pronuncia
Breogán:
Etimoloxía e historia
Nome de orixe literaria, tomado do Lebor Gabála Érenn ou Libro das invasións de Irlanda, onde designa un heroe dos celtas galaicos. Foi popularizado entre nós pola letra do himno galego. Isidoro Millán defendeu a relación léxica deste nome coa familia de briga, de Brigantium, e o segundo elemento de topónimos galegos como Sillobre, Anzobre, Añobre etc., todos eles de inequívoca orixe céltica.
Motivación
A mitoloxía histórica considera a Breogán o remoto fundador da nación galaica. A principal fonte documental sobre este personaxe é o Lebor Gabála Érenn (ou Leabhar Gabhála Érenn, en irlandés moderno), o Libro das Invasións ou das conquistas, manuscrito irlandés do século XII, copia doutros anteriores do século VIII, redactado por monxes irlandeses. Este libro relata a terceira e última das invasións de Irlanda, que procedería do noroeste da Península Ibérica: a dos milesios. No capítulo XIII, o poeta Aimergin conta que Brath, descendente de Noé, tivo un fillo, Breogán, fundador da cidade de Brigantia (A Coruña), na cal construíu unha torre próxima ao mar. Este tivo, á súa vez, dez fillos; os dous máis novos chamados Ite e Bile. Ite, soñador, albiscou desde o alto da torre de Breogán ao lonxe unha terra verde como a súa (a illa de Irlanda); embarcou xunto cuns amigos cara a ela, pero as tribos que a poboaban (os Tuath ou Tuatha) matáronos a todos. Bile tería un fillo, Mil, e os fillos de Mil (os milesios) organizarían unha nova expedición e conquistarían definitivamente a illa. Esta lenda parece confirmar as relacións que houbo na antigüidade entre os pobos das fisterras atlánticas.
A finais do século XIX, guiado polo historiador Manuel Murguía, o poeta Eduardo Pondal converteu Breogán no personaxe máis importante da súa poesía épica: no seu poema Os pinos é a personificación nacional de Galicia: “fogar de Breogán”, “nazón de Breogán”.
Como un símbolo representativo de Galicia, en 1966 fúndase en Lugo o Club Baloncesto Breogán. A popularidade deste nome mítico está probada en Galicia, pois na actualidade lévano arredor dun cento de empresas galegas.
Chamáronse así
Breogán Díaz Rodríguez (Belém do Pará, 1922) é probablemente a primeira persoa portadora deste nome. Fillo dos emigrantes galegos Lisardo Díaz González e Rocío Rodríguez, foi presidente e secretario do Centro Galego de Belém do Pará. Os seus sucesores séguense chamando Breogán.
A segunda persoa con ese nome foi Breogán Enrique Rodríguez Carretero, nado en Bos Aires en 1926, e fillo de Joaquín R. Rodríguez, membro da directiva da Sociedad Fomento de Porriño y su Distrito.
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Breogán
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]