Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xenaro, Xenara
Nome cristián
Pronuncia
Xenaro:
Hipocorísticos
Másculinos Narucho
Etimoloxía e historia
Do italiano Gennaro, e este do latín Ianuarius 'xaneiro'. Aplicábaselles aos nenos nacidos neste mes. A forma latina procede da expresión ianuarius mensis, o mes consagrado ao deus Xano, o primeiro no calendario de Numa Pompilio, e que marcaba o paso dun ano para outro, xa que Xano era o deus das portas e, polo tanto, dos comezos. A variante Xaneiro é relativamente frecuente como apelido.
Motivación
San Xenaro (séculos III-IV), mártir, foi bispo de Benevento. Na catedral de Nápoles, cidade da que é patrón, consérvanse no tesouro a cabeza e dous frascos que ao parecer conteñen o seu sangue callado e que periodicamente se licúa e mesmo parece que chega a ferver. O ano que non se produce a licuación do sangue (o “milagre de san Xenaro”), moitos napolitanos —como seica acontece con moitos madrileños co sangue de san Pantaión— temen unha desgraza inminente.
Chamáronse así
Os pintores galegos Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), natural de Ferrol, un dos máis importantes pintores románticos españois, especializado en paisaxes; e Jenaro Carrero (1874-1902), natural de Noia, un dos catro integrantes da Xeración Dorida de pintores, denominada así por faleceren moi novos a fins do século XIX.
Jenaro Marinhas del Valle (1908-1999), natural da Coruña, ensaísta, narrador e dramaturgo en lingua galega; membro da RAG (1978).
Jenaro de la Fuente Domínguez (1851-1972), arquitecto que desenvolveu a súa actividade en Vigo.
Jenaro de la Fuente Álvarez (1891-1963), arquitecto vigués, un dos impulsores dos estilos modernista e racionalista na súa cidade natal; tamén traballou na Cidade Universitaria de Santiago.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Genari | |
Español | Jenaro | |
Genaro | Genara | |
Éuscaro | Genar | Genare |
Jenaro | Jenara | |
Francés | Janvier | Janvière |
Italiano | Gennaro | |
Portugués | Genaro |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]