Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Vicente, Vicenta
Nome cristián
Pronuncia
Vicente:
Vicenta:
Variantes
Masculinas Vicenzo
Hipocorísticos
Másculinos Chente, Vituco, Tuco, Vitiño
Etimoloxía e historia
Do latín Vi(n)centius ‘o vencedor, o vitorioso’, derivado de vincens, participio presente do verbo vinco ‘vencer’. Foi un nome moi usado entre os cristiáns polo seu valor augural (que vence o demo, as tentacións do mundo etc.). A forma patrimonial galega Vicenzo, creada a partir do acusativo, está presente nos nomes persoais ata o séc. XVIII, mais xa desde a Idade Media comezou a aparecer a variante Vicente, formada sobre o xenitivo ou o vocativo do haxiónimo. A sona do santo medieval valenciano fixo que esta se divulgase desde o leste peninsular e acabou desprazando a orixinal.
Motivación
San Vicenzo (ou Vicente) mártir naceu en Osca a finais do século III e foi diácono do bispo san Valerio en Zaragoza. As autoridades romanas prendéronos aos dous e leváronos a Valencia, onde foron martirizados. Segundo a tradición, as súas reliquias foron trasladadas no século VIII ao Algarve portugués e o rei Afonso Henriques levaríaas despois a Lisboa.
Na Baixa Idade Media popularizou o nome san Vicente Ferrer (1357-1419), frade valenciano de moita sona polos seus sermóns que, pronunciados na variante valenciana do catalán, milagrosamente eran entendidos por todos os seus oíntes, estivesen onde estivesen; mesmo na Bretaña, onde morrería, non deixou de predicar na súa lingua materna.
Chamáronse así
O pintor holandés Vincent van Gogh (1853-1890), o novelista valenciano Vicente Blasco Ibáñez (1867-1928) e o poeta andaluz Vicente Aleixandre (1896-1994), Premio Nobel de Literatura de 1977.
En Galicia salientamos o escritor ourensán Vicente Martínez-Risco ‘Vicente Risco’ (1884-1963), membro destacado da Xeración Nós e unha das figuras máis importantes e controvertidas da historia da literatura galega; foi homenaxeado co Día das Letras Galegas de 1981. Así mesmo, foi o segundo nome de Xoán Vicente Viqueira (1886-1924), a quen se lle dedicou o Día das Letras de 1974.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Vincentius | |
Vinzent | Vinzentia | |
Vincent | ||
Vincenz | ||
Bretón | Visant | |
Catalán | Vicenç | Vicença |
Vicent | Vicenta | |
Español | Vicente | Vicenta |
Éuscaro | Bizente | |
Bizen | Bizenta | |
Bixintxo | ||
Bingen | Bingene | |
Bikendi | ||
Francés | Vincent | |
Holandés | Vincent | |
Inglés | Vince (hip.) | |
Vincent | ||
Italiano | Vincenzo | Vincenza |
Portugués | Vicêncio | |
Vicente | Vicente | |
Romanés | Vicentiu |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Vicente
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]