Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Vermudo
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
O nome xermánico Veremudus tivo extraordinaria difusión na Península Ibérica, sobre todo ata o séc. XIII. Os seus compoñentes etimolóxicos non son claros. A relación cunha raíz con B- debe ser descartada, pois a presenza do nome con V- na Idade Media é constante; podería proporse a raíz onomástica ver‑, con posible orixe no gótico waír ‘home, soldado’ ou no tamén gótico wêrs ‘verdadero’, en relación coas voces latinas vir, verus. En canto ó seu segundo elemento, tense suxerido a raíz ‑mundus, do gótico mund ‘man, protección’, pero a variante Veremundus é minoritaria, polo que tería que pensarse nunha raíz ‑mudus que, se non é variante de aquela, é de orixe incerta. Deste nome procede o apelido galego Bermúdez, que cambiou a grafía a B- a partir do séc. XVI.
Motivación
Levaron este nome tres reis altomedievais do noroeste peninsular. Os máis coñecidos foron Vermudo II (século X) e Vermudo III (século XI), os dous membros dunha dinastía galega que gobernou o reino de Galicia desde a corte establecida en León; convencionalmente pódense denominar reis “galaico-leoneses”, a pesar de que a historiografía española só os ten, indebidamente, como reis leoneses.
A Vermudo II (982-999), fillo de Ordoño III, coroouno a poderosa aristocracia galega do seu tempo fronte a Ramiro III. Foi o primeiro rei unxido na catedral de Santiago. Ramiro III e Vermudo II reinarán asemade de 982 a 985, o primeiro na parte oriental do reino (León e Castela) e o segundo na occidental (Galicia e Portugal). Á morte de Ramiro, Vermudo farase co control de todo o reino galaico-leonés, contando co apoio dos magnates galegos, que, á altura, eran quen de quitaren e poñeren reis; o seu herdeiro Afonso V será educado polo conde galego Mendo González. Durante este reinado e o anterior de Ramiro foi cando o xeneral musulmán Almanzor realizou as súas temidas ceifas (de 977 a 1002); unha das máis terribles foi a de Compostela (997).
Vermudo III (1028-1037), neto de Vermudo II, será o derradeiro rei dunha dinastía de orixe galega. Foi coroado na igrexa de Santiago, como o seu avó. Nos documentos consta como imperator domnus in Gallecia. Axiña se tivo que enfrontar ao seu cuñado o navarro Fernando, casado coa súa irmá Sancha, que intentaba apropiarse de terras do condado de Castela. Para impedilo marchou á fronte dun exército e pola súa imprudencia —adiantouse en solitario ao encontro co inimigo— atopou a morte na batalla de Tamarón (1037). O seu pasamento convertería a súa irmá Sancha en herdeira lexítima do trono galaico-leonés, e, grazas a ela, o seu marido acabou por ser coroado rei nove meses despois, con moito receo por parte da nobreza e da Igrexa galegas.
Equivalencias noutras linguas
| Idioma | Masculino | Feminino |
|---|---|---|
| Español | Veremundo | |
| Bermudo | ||
| Éuscaro | Bermudo | |
| Portugués | Vermudo (ant.) | |
| Bermudo |
Antes e despois de Vermudo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]




