Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Tristán
masculino
Nome literario
Véxase Iseu
Etimoloxía e historia
Procede do nome dun personaxe literario, de étimo incerto, derivado da lenda céltica de Tristán e Iseu, integrada no ciclo medieval do rei Artur. Difundiuse polo francés antigo e asociouse por etimoloxía popular ó adxectivo triste.
Motivación
En Galicia tivo vixencia este nome, como outros do ciclo artúrico, ata finais do século XV, polo menos entre membros da nobreza. Despois foi esmorecendo debido a disposicións eclesiásticas, como a do sínodo de Ourense de 1544, en que se lles recomendaba aos cregos oficiantes de bautismos que puxesen nomes de santos e santas —pois así os bautizados tiñan avogados no ceo— e que rexeitasen outros como Heitor ou Rolán “que habeis acostumbrado a le poner”.
O nome volvería alcanzar nova popularidade coa estrea da ópera Tristan und Isolde (1859) do alemán Richard Wagner.
Chamáronse así
Tristán de Montenegro, escudeiro e despois alcalde e xuíz de Pontevedra na época das segundas guerras irmandiñas (1466-1469); Tristão da Cunha (1460-1540), navegante portugués que deu nome a un diminuto arquipélago do sur do Atlántico.
Xa en época contemporánea, lembramos a Tristan Bernard (1866-1947), escritor francés, e Tristan Tzara, pseudónimo do escritor francés de orixe romanesa Samuel Rosenstock (1896-1963), cofundador do movemento dadaísta en Zúric durante a I guerra mundial.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Tristan | |
Bretón | Trestan | |
Tristan | ||
Catalán | Tristany | |
Español | Tristán | |
Éuscaro | Tristan | |
Francés | Tristan | |
Inglés | Tristam | |
Italiano | Tristano | |
Portugués | Tristão |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]