Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Telmo, Telma
Nome cristián
Pronuncia
Telmo:
Véxase Erasmo
Etimoloxía e historia
O nome grego Érasmos 'amado, desexado' cambiou o seu acento orixinal para converterse en Erasmo. Pero a forma orixinal conservouse en Italia, onde primeiro se transformou en Éramo / Ermo / Elmo, e despois Sant Elmo segmentouse erroneamente en San Telmo, como fixeron os portugueses con San Tiago, os franceses con S. Teignan (por Saint Aignan) e Saint-Chavit (por S. Avitus) e nós, os galegos, con san Mamede, que na forma Amedio produciu san Tomedio, Domedio, Nomedio etc.
Motivación
San Telmo de Antioquía (séculos III-IV), que en realidade se chamaba Erasmo, foi bispo desta cidade de Asia Menor. Fixérono patrón dos mariñeiros, sobre todo no Mediterráneo, ao identificalo cos lumes que aparecen nos mastros dos navíos despois das treboadas (os fogos de santelmo).
En Galicia ten gran sona san Telmo de Tui. Segundo a tradición, o seu nome era Pedro González Telmo e nacera en 1185 na pequena cidade castelá de Frómista. Era sobriño do bispo de Palencia, e este promovérao para deán da catedral, pero na toma de posesión un cabalo tirouno ao chan e el tomouno como un sinal divino que o instaba á humildade. Renunciou á dignidade de deán e ingresou na orde dos frades dominicos. Uns anos despois abandonou o reino de Castela e veu para o de Galicia, que na altura tiñan reis distintos. Asentouse en Tui e predicou no Baixo Miño e norte de Portugal, ao tempo que colaboraba na construción de varias pontes no Ribeiro, no Baixo Miño e no Val Miñor. Morreu en Tui en 1246.
É patrón de Tui e de Frómista, cidades que se irmandaron en 1985 para celebrar o 800 aniversario do seu nacemento. A súa festa celébrase asemade nas dúas poboacións o luns seguinte ao luns de Pascua. O acto central da de Frómista é unha curiosa procesión cívica de “el Ole”, na noite do domingo anterior.
San Telmo tamén é patrón dos homes do mar (nótese que xa había os fogos de santelmo moito antes de que el nacese), de aí que o atributo persoal da súa imaxe é unha maqueta dun barco que leva nunha man.
Chamáronse así
Tivo este nome, na súa forma feminina, unha das protagonistas do filme estadounidense Thelma and Louise (1991), dirixido por Ridley Scott.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Telm | |
Español | Telmo | |
Éuscaro | Elmu | |
Inglés | Thelma | |
Portugués | Telmo | Telma |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Telmo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]