Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Ordoño
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Do latín medieval Ordonius, de orixe escura, probablemente vasca, relacionado con urde 'porco bravo' e con ordotz 'verrón'. É, desta maneira, un nome orixinado nun animal totémico, presente por exemplo na heráldica dos Andrade. En Galicia foi un nome relativamente frecuente na Idade Media, usado por varios reis. Deu lugar ao apelido Ordóñez.
Motivación
Tiveron este nome varios reis altomedievais do noroeste peninsular: o primeiro do convencionalmente chamado reino ástur-galaico e os outros tres do tamén convencionalmente chamado reino galaico-leonés (reino de Gallaecia, na documentación da época).
Ordoño I empezou gobernando Galicia de 847 a 850 en nome do seu pai, Ramiro I, para logo suceder a este en Oviedo —a capital do reino— de 850 a 856; atribúeselle a restauración das cidades de León, Astorga e Tui.
Ordoño II foi rei privativo de Galicia —que daquela comprendía o norte de Portugal—, que gobernara en vida do seu pai Afonso III entre 910 e 914, e do reino galaico-leonés completo de 914 a 924. Foi el quen fixou a capital en León, onde mandou erguer unha catedral. Guerreou contra os musulmáns e contra a nobreza castelá, neste caso coa axuda do rei navarro; para selar esta alianza repudiou a súa esposa galega Aragonte e casou con Sancha, irmá do monarca navarro. Repartiría territorialmente o reino entre os seus fillos: Sancho Ordóñez, que era o primoxénito, recibe Galicia, onde reinará de 926 a 929; Afonso IV obtén León, e Ramiro II certos territorios en Portugal, cedidos polo irmán máis vello.
Ordoño III foi rei galaico-leonés de 951 a 956. Era fillo de Ramiro II e da galega Adosinda. Mantivo a capital en León. Someteu parte da nobreza galega, que se lle rebelara, e tamén tivo que se enfrontar a outro rebelde, o conde castelán Fernán González, que conseguiu certa autonomía.
Ordoño IV reinou de 958 a 960 despois de derrocar o seu curmán Sancho I coa axuda da nobreza galega e do conde castelán Fernán González. Despois tería que se exiliar ao recuperar Sancho o trono.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Ordonyo | |
Español | Ordoño | |
Italiano | Ortunio | |
Ordogno | ||
Portugués | Ordonho |
Antes e despois de Ordoño
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]