Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Orosio, Orosia
Personaxe histórico
Pronuncia
Orosia:
Etimoloxía e historia
Do nome latino Orosius, de orixe incerta; tense dito que pode ser prerromano hispánico.
Motivación
Paulo Orosio ou, simplemente, Orosio (séculos IV-V) —presbítero galaico nado en Braccara (Braga) ou en Brigantium (A Coruña)— foi un dos grandes escritores en lingua latina da provincia romana da Gallaecia. Formou parte da xeración de intelectuais galaicorromanos que conformaron o denominado “primeiro espertar cultural de Galicia” (Prisciliano, Exeria, Hidacio...).
Fuxindo da invasión dos suevos, en 414 atópase no norte de África, en Hipona, para estudar xunto a santo Agostiño, a quen informa dos presuntos erros doutrinais dos priscilianistas. O mestre envíao a Xerusalén para combater a herexía pelaxiana. Á volta, encárgalle a redacción dunha obra histórica orientada a demostrar que calamidades e desastres xa os houbera desde o principio dos tempos. Naquel momento, certos intelectuais pagáns argumentaban que a relixión cristiá non trouxera máis que desgrazas. Deste xeito, o galaico escribirá Historiarum adversus paganos libri VII, sete libros en que pretende facer unha historia universal desde os primeiros seres humanos. Por esta obra Orosio está considerado o primeiro historiador en seguir unha filosofía cristiá para facer unha historia universal. Este inicial universalismo de Paulo Orosio —en principio, el só se consideraba romano e cristián— deu paso a un hispanismo que o levou a salientar as xestas heroicas dos hispanos: saguntinos, numantinos, cántabros, ástures e galaicos; a eloxiar emperadores nacidos en Hispania como Traxano e Teodosio. O seu paisano e case contemporáneo Hidacio tiña unha visión máis “galaicista”, pero Orosio tamén fixo no seu relato histórico importantes referencias á Gallaecia, e fala de dúas batallas libradas polos galaicos contra os invasores romanos, unha delas a do monte Medulio, último bastión resistente. A obra vai acompañada dunha descrición xeográfica: imaxina Hispania de forma triangular, e nun dos ángulos sitúa a Gallaecia, e nela a cidade de Brigantia, co seu altísimo faro que orientaba os navegantes que se dirixían a Britania.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Orosius | |
Catalán | Orosi | |
Español | Orosio | Orosia |
Éuscaro | Oroxi | |
Orose | ||
Francés | Orose | |
Inglés | Orosius | |
Italiano | Orosio | |
Portugués | Orósio |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]