Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Orraca
feminino
Personaxe histórico
Variantes
Femininas Urraca
Etimoloxía e historia
Nome de orixe incerta, quizais en relación co vasco, dado que é de ámbito hispánico e os primeiros testemuños proceden da zona vasconavarra. Patxi Salberri pensa que pode derivar do nome persoal Urra, de orixe descoñecida (presente noutros nomes como Urrana, Urrato e Urreza), cun sufixo hipocorístico -ka, mellor que de urro ‘ouro’. En Galicia é un dos nomes femininos máis frecuentes entre os séculos XI e XIII.
Motivación
A máis coñecida das mulleres medievais con este nome foi Orraca I, raíña de Castela, León e Galicia (1109-1126). Era filla de Afonso VI, que a casou en 1091 co nobre francés Raimundo de Borgoña (1091) e confioulles aos dous o goberno do reino de Galicia como condes. En 1107 mórrelle o marido. O seu fillo Afonso Raimúndez (nado en 1105 en Caldas de Reis) queda baixo a protección do poderoso conde galego Pedro Froilaz de Traba no mosteiro de Moraime. Ela non estaba destinada a herdar os reinos do seu pai, pero cando en 1109 morre na batalla de Uclés o herdeiro, o seu irmán máis novo Sancho, Afonso VI designa herdeiros a princesa Orraca e o seu neto Afonso Raimúndez, coa condición de que este reinaría só no caso de que súa nai volvese casar.
Orraca non tarda en unirse en matrimonio con Afonso I o Batallador de Aragón e rompe co estipulado polo seu defunto pai; a nobreza galega, desconfiada do rei navarro, rebélase e prodúcese unha guerra civil. Pedro Froilaz e o arcebispo Xelmírez proclaman rei de Galicia o aínda neno Afonso Raimúndez, que foi coroado na catedral de Santiago o ano 1111. No ano 1116 Orraca establece un tratado con Xelmírez na catedral de Santiago, pero os burgueses composteláns rebélanse e Xelmírez ten que fuxir disfrazado de mendigo e a raíña Orraca foi aldraxada polos rebeldes, que a deixaron espida diante da catedral. Ao final, dona Orraca reinará sobre os tres reinos ata a súa morte, acontecida en 1126.
Por outra parte, Orraca Fernández (século XIII), filla do conde Fernán Pérez de Traba, educou en Galicia o futuro rei Afonso VIII de Galicia e León (IX na historiografía española), fillo do rei Fernando II de Galicia e León e de Orraca de Portugal, filla esta de Afonso Henriques, o primeiro monarca portugués.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Urraca | |
Catalán | Urraca | |
Español | Urraca | |
Éuscaro | Urraka | |
Inglés | Urraca | |
Portugués | Urraca |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]