Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Ofelia
feminino
Nome literario
Pronuncia
Ofelia:
Etimoloxía e historia
Posiblemente derivado do substantivo grego óphelos 'axuda, auxilio'. Outros sosteñen que procede do grego óphis 'serpe'.
Motivación
A súa popularidade procede do personaxe feminino da traxedia Hamlet de W. Shakespeare. Ofelia é unha moza da nobreza dinamarquesa namorada do príncipe Hamlet. Acaba traxicamente afogada nun regato en que caera. A beleza de Ofelia inspirou a moitos pintores, particularmente dous prerrafaelitas ingleses do século XIX, fascinados pola fermosura e polo destino tráxico da personaxe shakespeariana: en 1852, Arthur Hughes e John Everett Millais presentaron na mesma exposición cadansúa Ophelia. Esta e outras pinturas influirían en posteriores representacións do Hamlet.
Chamáronse así
A galega María Ofelia Erenia Nieto Iglesias (1898-1931), máis coñecida como Ofelia Nieto, soprano de proxección internacional. Aínda que nacera en Algete (Madrid), como a súa irmá, a tamén soprano Ángeles Otein —Nieto ao revés—, sempre se considerou galega, pois o seu pai era de Santiago. Debutou en Madrid en 1914 na estrea da ópera Maruxa, de temática galega, de Amadeo Vives. Actuou en coñecidos teatros europeos, como La Scala de Milán, e participou en xiras por toda América cos mellores cantantes do momento. En 1922 foi homenaxeada no Centro Galego de Buenos Aires, onde agasallou os asistentes coa Cantiga e Un adiós a Mariquiña de Curros e Chané, cancións que logo gravaría en disco. Tanto Santiago de Compostela como Algete teñen unha rúa co seu nome.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Ophelia | |
Catalán | Ofèlia | |
Español | Ofelia | |
Francés | Ophélie | |
Inglés | Ophelia | |
Italiano | Ofelia | |
Portugués | Ofélia | |
Romanés | Ofelia |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]