Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Noé
masculino
Nome bíblico
Pronuncia
Noé:
Etimoloxía e historia
Do nome persoal hebreo Noah, posiblemente derivado de niham 'aliviar'. O seu posible significado é 'apracible, de bo xacer, manso'. Tamén se ten dito que este nome significaría 'de longa vida', en alusión ao patriarca bíblico, supervivente do diluvio, ou mesmo 'repouso, descanso', polo invento do viño, que se lle atribúe ao mesmo personaxe e que permitiu ao home descansar. O nome hebreo pasou ao grego como Noé e ao latín como Noe.
Motivación
Segundo a Biblia, Noé é un dos patriarcas do pobo hebreo, neto de Matusalén e fillo de Lamec. Considerando que a raza humana estaba enviciada, Iavé decidiu exterminala inundando a Terra. O único home xusto era Noé, polo que decidiu que só o salvaría a el e ao seu clan, e para iso ordenoulle construír unha xigantesca arca de madeira, onde entrarían os membros da súa familia e unha parella de animais de cada especie. Despois, Deus mandou chover sen parar durante corenta días e corenta noites ata inundar todo o planeta. Foi o chamado diluvio universal, lenda que existiu en moitas culturas antigas, maiormente nas mesopotámicas.
Noé, como patriarca bíblico, tamén aparece na historia mitolóxica de Galicia, pois atribuíuselle a el a fundación de Noia (antiga Noega ou Noela) durante unha visita que fixo para ver os descendentes de Túbal, o mítico primeiro poboador da Península Ibérica. O escudo da vila noiesa leva como motivo principal a arca de Noé.
Chamáronse así
O gran lexicógrafo norteamericano Noah Webster (1758-1843); aínda hoxe o Webster (1828) é o dicionario máis popular nos Estados Unidos, de aí que o seu apelido se convertese en sinónimo de “dicionario”. Tamén é recoñecido como pai da escolarización no seu país.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Noah | |
Catalán | Noé | |
Español | Noé | |
Éuscaro | Noe | |
Francés | Noé | |
Inglés | Noah | |
Italiano | Noe | |
Portugués | Noé |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]