Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Nerio, Neria
Nome mitolóxico
Etimoloxía e historia
Do grego Nérion, nome que os xeógrafos e cronistas gregos daban ao cabo de Fisterra (ou ao de Touriñán). Tamén pode considerarse unha variante de Nereu, un personaxe da mitoloxía grega: o primeiro deus das augas mariñas, anterior a Posidón. Como nome feminino, convén lembrar a existencia dunha divindade romana que o leva: Nerio é a esposa de Marte e personifica a afouteza. En certas ocasións identificouse tamén con Minerva, a deusa da sabedoría, tamén guerreira.
Motivación
Os antigos cronistas romanos situaban as terras habitadas polos nerios —“de estirpe ou nación céltica”, precisa Pomponio Mela no século I— no extremo occidental de Galicia, nun territorio comprendido entre o cabo de Fisterra e a punta do Roncudo. O Promontorio Nerio (Nérion Akrotérion, para o grego Estrabón) adóitase identificar co cabo de Fisterra, pero non hai nada que o probe. En todo caso, o cabo dos Nerios sinalaba o remate do mundo, un dos lugares míticos onde se podía contemplar, con moito abraio por parte dos romanos, como “o Sol é máis grande no seu ocaso, acontecendo o solpor con ruído… como se o mar renxese” (Estrabón).
Nerio foi unha revista quincenal editada en Corcubión entre 1920 e 1921, de subtítulo Revista quincenal independente. Órgano defensor de los intereses de la comarca de Corcubión.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Español | Nerio | |
Italiano | Nerio | |
Portugués | Nério | Néria |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]