Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Lourenzo, Lourenza
Nome cristián
Pronuncia
Lourenzo:
Lourenza:
Etimoloxía e historia
Do xentilicio étnico latino Laurentius 'da cidade de Laurentum'. Esta cidade era unha das máis primitivas do Lacio, e o seu étimo —prerromano— é descoñecido (chegouse a identificar co Lavinio da Eneida de Virxilio). Unha etimoloxía popular tentouno ligar, equivocadamente, con lauretum 'bosque de loureiros'. Hoxe en galego é tamén apelido. Deste nome deriva o topónimo Lourenzá, a través da forma latina Laurentiana.
Motivación
San Lourenzo (século III), aragonés de orixe, foi arquidiácono do papa Sisto II en Roma. Segundo a tradición, foi arrestado durante a persecución de Decio e condenado a morrer torrado nunha grella. É un dos santos máis antigos no culto hispánico (século V). O rei español Filipe II quixo que o mosteiro de El Escorial levase o nome deste santo debido a que a súa festa onomástica cadrara coa vitoria de San Quintín contra os franceses (10 de agosto de 1557); a planta do edificio ten forma de grella invertida.
Chamáronse así
Na literatura galega lembramos o xograr Lourenço (século XIII), nacido en terras de Cornelhã (Portugal), aínda que foi en Compostela onde aprendeu as artes musicais e poéticas. O escritor Manuel Portas publicou unha novela sobre el: Lourenço, xograr (2015).
En Galicia lembramos o poeta Lorenzo Varela Vázquez (1916-1978), a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2005. Participou na guerra civil no exército republicano. No posterior exilio arxentino desenvolvería a maior parte da súa obra literaria.
Entre os persoeiros famosos con este nome: Lorenzo de Medici, ‘o Magnífico’ (1449-1492), señor de Florencia e príncipe renacentista; Lawrence Olivier (1907-1989), actor inglés. O título do mítico filme Lawrence de Arabia (1962) inspírase no apelido do arqueólogo, escritor e oficial británico Thomas Edward Lawrence (1888-1935), e non no nome.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Lorenz | |
Laurenz | ||
Catalán | Llorenç | |
Español | Lorenzo | Lorenza |
Éuscaro | Lorentzo | Lorentza |
Laurentzi | ||
Laurendi | ||
Francés | Laurent | |
Inglés | Larry (hip.) | |
Lauren | ||
Laurence | ||
Lawrence | ||
Italiano | Lorenzo | |
Polaco | Wawrzyniec | |
Portugués | Lourenço | Lourença |
Romanés | Laurenţiu | |
Ruso | Lavrentii | |
Sueco | Lars |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]