Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Lopo, Lupa
Nome cristián
Variantes
Masculinas Lupo
Etimoloxía e historia
Do cognome latino Lupus 'lobo'. Xa entre os romanos eran frecuentes estes alcumes a partir de nomes de animais. Foi nome moi frecuente no medievo. Moitos máis nomes dos que se cre teñen un animal no seu étimo. Como Adolfo, Rodolfo e Ansulfo, Lopo e Lupa auguran a quen leva este nome as calidades positivas que ten o lobo. Este nome sobreviviu convertido no apelido López, como outros nomes antigos, do tipo Bernal, Guillén, Vidal, Xil etc.
Motivación
San Lopo de Troyes (séculos IV-V) casou cunha irmá de santo Hilario, pero abandonouna despois de seis anos para entrar nun convento; foi bispo de Troyes e salvou a cidade da furia dos hunos de Átila. San Lopo de Sens (séculos VI-VII) foi bispo desta cidade.
En Galicia a raíña Lupa está ligada á lenda do traslado do apóstolo Santiago e o seu enterro en Compostela. Ao parecer, residía nun castelo do val da Maía, o Castro Lupario, ao que acudiron catro discípulos do Apóstolo, que o trouxeran de Palestina nunha barca de pedra, para solicitar o seu permiso para enterralo. Ela mandounos a Duio (Fisterra) para falar cun sacerdote da Ara Solis, que quixo encarceralos. Fuxiron e volveron onda a señora, que lles acabou dando permiso para que amansasen uns bois bravos do monte Ilicino (o Pico Sagro) e os xunguisen a un carro para trasladar o cadáver do apóstolo ao lugar escolleito ao chou polos propios animais. Ao final, ante tantos milagres, Lupa tamén se acabou convertendo.
Chamáronse así
A forma masculina deste nome foi de bastante uso na Galicia medieval; entre outros levouno o trobador Lopo Lías —ou Liáns—, do século XIII, do que se conservan 19 composicións, todas de escarnio e maldicir.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Lupus | |
Bretón | Bleiz | |
Catalán | Llop | |
Español | Lope | |
Éuscaro | Otsoa | |
Francés | Loup | |
Inglés | Lupus | |
Italiano | Lupo | |
Portugués | Lopo |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]