
Sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas 2026
Domingo, 17 de maio de 2026 - 12:00 horas
Teatro Principal. Santiago de Compostela
Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Lionor
feminino
Personaxe histórico
Variantes
Femininas Leonor
Hipocorísticos
Femininos Nor, Nora, Nené, Nonó
Etimoloxía e historia
Do provenzal Alienor, de orixe discutida, posiblemente en relación cun elemento xermánico *ali- 'medrar', de procedencia burgundia.
Motivación
Nome usado por raíñas, princesas e duquesas europeas. A máis famosa foi Aliénor de Aquitania (c. 1122-1204), que con quince anos herdou do seu pai Guillerme X o condado de Poitiers e o ducado de Aquitania, territorios máis extensos ca os do propio rei francés, que os ambicionaba. Para unilos, casou co futuro Luís VII de Francia en 1137 e participaría con el na segunda cruzada (1147-1149). Anulado o seu matrimonio polo papa, en 1152 casou co rei Henrique II de Inglaterra, do que tivo oito fillos, entre eles os futuros monarcas ingleses Ricardo Corazón de León e Xoán sen Terra. Foi protectora de trobadores e converteu a súa corte de Poitiers nun centro de literatura cabaleiresca. Escribíronse moitas obras literarias sobre ela; unha das últimas, a novela titulada Aquitania (2020), de Eva G. Sáenz de Urturi, onde se dá por sentado que o seu pai Guillerme X e don Gaifeiros de Mormaltán, morto en Compostela, eran a mesma persoa (como é sabido, foi Murguía o creador do "romance de don Gaifeiros"). A novelista descríbea como unha muller de extraordinaria fortaleza física e mental, que non se someteu a ningún dos seus dous maridos, pois divorciouse do primeiro e rebelouse, xunto con tres dos seus fillos, contra o segundo, que a encarceraría durante quince anos. Xa con 80 anos foi de Aquitania a Castela para escoller entre as súas netas a futura esposa do herdeiro da coroa francesa: elixiu a Branca de Castela, que sería considerada unha das mellores raíñas de Francia.
Aliénor da Provenza (século XIII) foi raíña consorte de Inglaterra polo seu casamento co rei Henrique III; tivo nove fillos, entre eles o futuro Eduardo I.
Chamáronse así
Damas medievais galegas como Lionor Gonçalves de Saz, fundadora en 1323 dunha capela funeraria na catedral de Santiago, próxima ao Pórtico da Gloria: a chamada “Capela de dona Lionor”, cun fermoso tímpano da Epifanía que hoxe se conserva no Museo da Catedral.
Equivalencias noutras linguas
| Idioma | Masculino | Feminino |
|---|---|---|
| Alemán | Lore | |
| Lenora | ||
| Lenore | ||
| Eleonore | ||
| Bretón | Alienor | |
| Aenor | ||
| Aanor | ||
| Azenor | ||
| Catalán | Elionor | |
| Español | Eleonor | |
| Leonor | ||
| Éuscaro | Leonor | |
| Lonore | ||
| Francés | Léonore | |
| Eléonore | ||
| Inglés | Nell (hip.) | |
| Elinor | ||
| Eleanora | ||
| Eleanor | ||
| Italiano | Leonora | |
| Eleonora | ||
| Portugués | Lianor | |
| Eleonora | ||
| Eleonor | ||
| Leonora | ||
| Leonor | ||
| Romanés | Eleonora | |
| Ruso | Eleonora |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]




