Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Isidoro
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Isidoro:
Etimoloxía e historia
Do nome grego Isídōros 'don da deusa Isis', composto de Isis e dôron 'don, regalo', latinizado Isidorus. Forma parte da serie Artemidoro, Apolodoro, Teodoro, Doroteo. A orixe remota está en Exipto, por ser frecuente entre os gregos de Exipto e por aludir á deusa exipcia da protección materna e da fidelidade matrimonial máis alá da morte. A forma usual deste nome no medievo era santo Isidre, de onde procede o galego Sidro / Cidre.
Motivación
Santo Isidoro de Quío (século III) sufriu a persecución de Decio. Isidoro de Alexandría (c. 450-c. 520) foi o derradeiro dos filósofos gregos neoplatónicos; viviu en Alexandría e en Atenas, onde dirixiu a Escola de Atenas.
Santo Isidoro de Sevilla (c. 560-636) foi o grande erudito do reino visigodo. Sucedeu o seu irmán san Leandro como arcebispo de Sevilla e contribuíu á conversión dos reis visigodos, que eran arianos, ao catolicismo. Foi autor de numerosas obras, a máis coñecida e difundida, as Etimoloxías, unha enciclopedia de vinte libros en que se condensaba o saber da Antigüidade clásica, cunha énfase especial na explicación da orixe das palabras. Nela hai referencias aos galegos, dos que Isidoro ten unha visión positiva fronte a outros pobos peninsulares. Na súa opinión os galegos tiñan unha orixe grega, e seica por iso eran “especialmente intelixentes”. Ao tratar cuestións xeográficas e administrativas, para explicar as rexións e as provincias, pon como exemplo os conventus (rexións) de Cantabria e Asturias, pertencentes á provincia da Gallaecia (unha proba máis da permanencia no tempo da antiga provincia romana).
Tamén escribiu unha Historia dos godos, vándalos e suevos. Para a historia dos suevos da Gallaecia as fontes principais foran as obras dos cronistas galaicorromanos Paulo Orosio, ata o ano 417, e de Hidacio, ata o 469. A obra de Isidoro de Sevilla é unha mostra palpable de como un intelectual alleo percibía o feito diferencial galaico e do protagonismo que no reino visigodo tiña unha entidade administrativa chamada Gallaecia, distinta da Spania visigoda.
Aínda que non foi canonizado ata 1598, as súas reliquias trasladáronse en 1063, por desexo dos reis Fernando I e Sancha, a unha igrexa de León, despois transformada en basílica, que acabaría tomando o seu nome.
Chamáronse así
Os galegos Isidoro Brocos (1841-19149, escultor, e Isidoro Millán González-Pardo, (1922-2002), helenista e latinista, especialista en estudos epigráficos e toponímicos, así como en paleolingüística galaica e hispana; en 1975 foi elixido membro numerario da RAG.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Isidor | |
Catalán | Isidoro | |
Español | Isidoro | |
Éuscaro | Isidoro | |
Isidor | ||
Francés | Isidore | |
Inglés | Isidore | |
Italiano | Isidoro | |
Portugués | Isidoro | |
Romanés | Isidor | |
Ruso | Sidor | |
Isidor |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]