Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Hipólito, Hipólita
Nome mitolóxico
Pronuncia
Hipólito:
Etimoloxía e historia
Do grego Hippólytos, latinizado en Hippolytus, que significa 'o que ceiba os cabalos', 'guerreiro', composto das palabras gregas híppos 'cabalo' e mais do adxectivo verbal lytós 'que libera', 'que ceiba'.
Motivación
Na mitoloxía grega, Hipólito era fillo de Teseu e da amazona Melanipa, de quen herdou a afección pola caza. A súa madrasta Fedra quixo seducilo; el rexeitouna e ela simulou unha violación. Morreu arrastrado por cabalos, castigado polo deus Posidón. Hipólita era a raíña das amazonas, relacionada coa lenda de Heracles.
Santo Hipólito o doutor (c. 170-235) era un filósofo romano que polemizara co papa san Ponciano. O Estado romano desterrou os dous á illa de Sardeña, condenándoos a traballos forzados, o que motivou que esquecesen as disputas e que recomendasen a unidade de todos os cristiáns. Houbo outro santo así chamado no século III, carcereiro de san Lourenzo; segundo a lenda tamén morreu, como o grego mitolóxico, arrastrado por cabalos.
Chamáronse así
O pontevedrés Hipólito de Sá Bravo (1907-2001), escritor, historiador e músico; distinguiuse polos seus estudos sobre o románico galego e por varias monografías sobre mosteiros (Sobrado, Poio, Celanova etc.).
Hipólita Muíño Lago, mestra e escritora ferrolá que empregou o pseudónimo Valentina Lago-Valladares, finada en 1917.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Hippolytus | |
Catalán | Hipòlit | Hipòlita |
Español | Hipólito | Hipólita |
Éuscaro | Hipolito | |
Francés | Hippolyte | |
Inglés | Hippolytus | Hippolyta |
Italiano | Ippolito | Ippolita |
Portugués | Hipólito | Hipólita |
Romanés | Hipolit |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Hipólito
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]