Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Hidacio
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Este nome, procedente do grego Hydátios a través do latín Hydatius, deriva de hydatís 'pedra preciosa' e, polo tanto, forma parte dese grupo de nomes con que os pais e as nais comparan os seus fillos co máis precioso do mundo.
Motivación
Hidacio de Chaves (c. 388-470) foi un importante escritor galaico en lingua latina, considerado o primeiro cronista hispano. Naceu na Limia, da provincia romana da Gallaecia, e fíxose sacerdote no ano 416. En 427 nomeárono bispo de Aquae Flaviae (Chaves). Tocoulle vivir os tempos de desintegración do Imperio romano coa invasión dos bárbaros. Próximo aos 70 anos, escribiu a súa Crónica, que tenta ser unha historia universal desde a Gallaecia. Esta é unhas das principais fontes históricas que temos sobre o asentamento do pobo xermano dos suevos no territorio galaico. Contemplou esta invasión con gran pesimismo, pois vía perdido o seu mundo galaicorromano. Foi o introdutor da Era hispánica na historiografía medieval (que tería o seu inicio no ano 38 a. C.). Conxugou o seu espírito universalista cun sentimento profundamente galaicista; por este motivo defende o emperador Teodosio pola súa orixe galaica e oponse ao priscilianismo por ser un perigo para a unidade da Gallaecia. Foi contemporáneo do tamén cronista galaico Paulo Orosio e, xunto con Prisciliano e Exeria, forman parte do que foi considerado “o primeiro espertar cultural de Galicia”, nunha época epigonal da romanidade.
Chamáronse así
Hidacio de Mérida (século IV), bispo desta cidade lusitana do imperio romano, o máis teimoso inimigo de Prisciliano e dos priscilianistas; foi o que máis se significou no Concilio de Zaragoza (380) para condenar e castigar por herexe o reformador relixioso galaico.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Idaci | |
Hidaci | ||
Español | Hidacio | |
Francés | Hydace | |
Inglés | Idacius | |
Hydatius | ||
Italiano | Idazio | |
Portugués | Idácio |
Antes e despois de Hidacio
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]