Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Henriqueta, Henrique
Nome cristián
Pronuncia
Henrique:
Variantes
Hipocorísticos
Másculinos Quique, Quico, Quicolo, Queco, Rico, Ricolo
Femininos Queta, Queca
Etimoloxía e historia
Antigo nome de orixe xermánica, presente nos textos galegos desde o século XII, introducido por vía francesa. Está composto polos elementos góticos haims ‘país natal’ e *rikaz ‘poderoso’.
Motivación
Santo Henrique de Bamberg (973-1024) foi emperador de Alemaña (1002-1024). Casado con santa Cunegunda de Luxemburgo, observou continencia nas súas relacións con ela, cousa non digna de mérito debido a que era impotente; precisamente por esta condición, parece ser que fora elixido polos electores para levar a coroa imperial, seguros de que non podería fundar unha dinastía. Así e todo, sospeitoso da infidelidade da esposa, someteuna a unha ordalía.
Foron moitos os reis de todas as monarquías europeas que levaron o nome de Henrique: catro no reino de Castela; tamén no de Navarra e, especialmente, no Imperio Xermánico, Inglaterra e Francia. Henrique III de Navarra converteuse en rei de Francia (Henrique IV) en 1589 nun escenario de sanguentas guerras de relixión. Como era protestante, para acceder ao trono francés tivo que converterse ao catolicismo: “París ben vale unha misa”, disque dixo como xustificación. En Inglaterra o de máis sona foi Henrique VIII (1491-1547), que provocou o cisma anglicano ao romper co papado en 1534.
O nome debeu entrar nos reinos cristiáns do noroeste hispánico da man de notables franceses como Henrique de Borgoña, que en 1093 casou con Tareixa, a segunda filla de Afonso VI de León, Galicia e Castela. O matrimonio recibiu do monarca o goberno do Condado Portucalense, que daquela era a parte meridional do reino de Galicia. O seu fillo, Afonso Henriques, sería o primeiro rei de Portugal. Malia ser un nome habitual na dinastía real portuguesa, nunca houbo neste reino un monarca así chamado. En Galicia, os primeiros Henriques dátanse no século XII.
Santa Henriqueta de Compiège (séc. XVIII), carmelita de París, foi executada durante a Revolución francesa.
Chamáronse así
O infante portugués don Henrique o Navegante (1394-1460), a quen se lle atribúe a iniciativa das expedicións portuguesas polas costas africanas do Atlántico; os escritores Henry James (1843-1916), norteamericano, o francés Henri Bergson (1859-1941) e o alemán Heinrich Böll (1917-1985); os pintores franceses Henri de Toulouse-Lautrec (1864-1901) e Henri Matisse (1869-1954) e o cantante italiano Enrico Caruso (1873-1921).
Enriqueta González Rubín (1832-1877) foi unha das primeiras autoras en lingua asturiana. Entre as galegas con este nome, lembramos a mestra Enriqueta Otero (1910-1989), miliciana republicana da Guerra civil española e guerrilleira antifranquista na posguerra. Foi detida en 1946 e pasaría 19 anos en prisión.
Enrique Labarta Pose (Baio 1863-Barcelona 1925), poeta e narrador en galego e en castelán e tamén xornalista; fundou e dirixiu varias revistas moi innovadoras no seu tempo; membro correspondente da RAG. Enrique Peinador (Pontevedra 1880 - Vigo 1940), empresario e filántropo galeguista que converteu o balneario de Mondariz nun centro cultural; membro correspondente da RAG. Enrique Líster foi o nome que adoptou o canteiro Jesús Liste Forján (Calo-Teo 1907 - Madrid 1994), militante comunista e dirixente militar republicano que combateu na guerra civil española e na segunda guerra mundial. Foi tenente coronel do exército da República española e xeneral no da URSS, Polonia e Iugoslavia. Enrique Vidal Abascal (Oviedo 1908-Santiago 1994), matemático, astrónomo, inventor e pintor galego. Enrique Alvarellos (1931-2004), músico e editor galego.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Heinz (dim.) | |
Heinrich | Erika | |
Bretón | Herri | |
Catalán | Enric | Enriqueta |
Español | Enrique | Enriqueta |
Éuscaro | Henrike | Henriketa |
Endrike | ||
Endika | ||
Francés | Henri | Henriette |
Holandés | Hendrick | Hendrickje |
Rik | ||
Inglés | Harry | Harriett |
Henry | Henrietta | |
Italiano | Arrigo | Enrichetta |
Enrico | Enrica | |
Noruegués | Henning | |
Henrik | ||
Portugués | Henrique | Henriqueta |
Sueco | Henrik |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Henriqueta
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]