Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Hadriana, Hadrián
Nome cristián
Pronuncia
Hadriana:
Hadrián:
Variantes
Etimoloxía e historia
Do latín Hadrianus, sobrenome dunha estirpe romana indicador da procedencia desta da cidade de Hadria, localidade italiana na beira do mar Adriático. A orixe do topónimo parece ser etrusca.
Motivación
Santo Hadrián (séculos III-IV) foi, na tradición cristiá, un oficial romano que recibiu orde do emperador Maximiano de presidir en Nicomedia —na actual Turquía— os martirios dos cristiáns. Impresionado pola carraxe desta xente ante os tormentos, converteuse e fíxose bautizar. Prendérono por desobediencia ao emperador e levárono á cadea, onde sufriu moitas torturas. A súa muller, santa Natalia, que xa era cristiá sen el o saber, disfrazouse de home para introducirse na prisión e contemplar todos os martirios sufridos polo esposo e darlle ánimos, ata que o decapitaron.
Santo Hadrián é un dos santos máis antigos do culto hispánico. En Galicia é titular de 17 parroquias e conta con moitos santuarios; un deles situado en Malpica de Bergantiños, no cal se conta unha lenda do santo semellante á de san Patricio en Irlanda: que librou a comarca das serpes que a infestaban (en particular as illas Sisargas, onde disque nunca se viu ningunha). Moitos historiadores ven nestas lendas a presenza de cultos prehistóricos ofiolátricos (adoradores de serpes), desaparecidos pola cristianización.
Publio Elio Hadriano, emperador romano de 117 a 138, abandonou os proxectos militares de Traxano e construíu no norte de Gran Bretaña o muro de Hadriano e en Roma o seu mausoleo, hoxe Castel Sant’Angelo. A escritora belga Margherite Yourcenar recreou a súa figura na novela Memorias de Hadriano (1951).
Na obra de Ramón Otero Pedrayo destaca o influxo do antropónimo Hadrián, talvez porque o autor nacera o día deste santo mártir (5 de marzo). Púxolle este nome a tres personaxes dos seus libros: Adrián Solovio —en Escrito na néboa (1927) e Arredor de si (1930)—, Adrián Soutelo -o tío de Paio n’Os camiños da vida (1928)—, e Adrián Silva —en La vocación de Adrián Silva (1949)—. En Arredor de si o protagonista é o símbolo dos homes ourensáns da Xeración Nós.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Adrian | Adriane |
Adrianus | ||
Catalán | Adrià | Adriana |
Español | Adrián | Adriana |
Adriano | ||
Éuscaro | Adrian | Adriana |
Hadriano | ||
Adiran | Adirane | |
Francés | Hadrien | |
Adrien | Adrienne | |
Holandés | Adriaan | |
Inglés | Adrian | |
Italiano | Adriano | Adriana |
Portugués | Adriano | Adriana |
Adrião | ||
Romanés | Adrian | |
Ruso | Adrian |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Hadriana
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]