Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Heitor
masculino
Nome mitolóxico
Pronuncia
Heitor:
Etimoloxía e historia
Do grego Héktōr, que tradicionalmente se interpretaba como 'rexedor (do pobo)'. Pode vir do verbo ékhein 'rexer', 'ter', ou de hektoreîn 'esculpir', 'formar', 'educar', e significaría 'persoa formada'. A acentuación moderna é aguda, como corresponde á adaptación que se fixo na Idade Media e como está testemuñado no apelido moderno Eitor.
Motivación
Na mitoloxía grega, Heitor é o fillo de Príamo, rei de Troia, e de Hécuba, e esposo de Andrómaca. A Ilíada preséntao como un bo fillo, bo marido e bo pai; tamén como o guerreiro ideal, afouto e firme, exemplo de amor á patria e á familia. É o máis valente dos guerreiros defensores de Troia. Por desgraza para el, a súa vitoria sobre Patroclo motivou que o íntimo amigo deste, Aquiles, volvese á batalla e acabase dándolle morte nun combate singular, para despois atar o seu corpo a un carro de combate e arrastralo arredor das murallas troianas. Finalmente, o seu pai Príamo puido recuperar o seu cadáver e incineralo.
O nome tivo certa vixencia en Galicia ata finais do século XV, pero entrado o século XVI foi perdendo vigor, seguramente debido a disposicións eclesiásticas, como unha do bispado de Ourense de 1544, en que se lles recomendaba aos cregos oficiantes dos bautismos que non admitisen nomes non cristiáns como Heitor e Rolán, senón os dos santos e santas.
Chamáronse así
O compositor francés Hector Berlioz (século XIX).
Héctor Homero Quiroga (1933-2018), biólogo e oceanógrafo coruñés.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Hektor | |
Catalán | Hèctor | |
Español | Héctor | |
Éuscaro | Hektor | |
Francés | Hector | |
Inglés | Hector | |
Italiano | Ettore | |
Portugués | Heitor | |
Romanés | Hector | |
Ruso | Gektor |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Heitor
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]